«Fixemos unha fase para tentar enganchar de novo a xente ao Cortegada»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O club pide que Vilagarcía engorde a súa anémica masa social para poder ascender

13 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Cansado, pero encantado. Así atendía onte o vicepresidente da Agrupación Deportiva Cortegada, José Gorgoso, a La Voz para valorar a temporada que o primeiro equipo do club, o Mariscos Antón, completaba cun pastel en forma de fase de ascenso no Pavillón Sara Gómez ao que tan só lle faltou a guinda do billete á LF Challenge.

«A temporada foi positiva, moi positiva. Chegamos a disputar a fase, que era a nosa pretensión, e puidemos tela empezado 2-0», di Gorgoso en referencia á prórroga coa que acabou o partido do Cortegada da primeira xornada e o punto de diferenza no marcador final do segundo, en ambos os dous casos, con derrota arousá. Remata así sen poder despexar a dúbida que lle queda a Gorgoso: «Se nós chegamos xogar onte —polo domingo— un dos partidos polo ascenso, non sei se cabería a xente no pavillón».

E é que desde o Cortegada salientan o éxito organizativo da que é a terceira fase de ascenso da que se ocupa o club vilagarcián na súa historia, as dúas anteriores, con salto de categoría final. «Onte chamáronnos da Federación Española de Baloncesto, fóronse encantados. Dixéronnos que había moitos anos que non vían unha fase así», conta Gorgoso, quen engade ao capítulo das felicitacións a todos os equipos participantes, encantados non só polo trato recibido, senón polo ambiente das gradas do pavillón vilagarcián, practicamente cheas os catro días da fase e coas afeccións entregadas á causa.

Pendentes de facer todas as contas, desde o club anfitrión queren agradecerlles o seu apoio ao Concello, á Deputación, á Secretaría Xeral para o Deporte e aos seus patrocinadores, sen os que non lle tería sido posible apostar por solicitar unha organización que ningún outro dos sete conxuntos participantes pediu para si. «Organizala, calculamos, custaría uns 28.000 euros. Entre o resto había medo a que as cousas non saíran ben. Nós xa tiñamos experiencia en facer fases, e volvemos demostrar que podemos seguir organizándoas», declara o vicepresidente do Cortegada.

Logo de cumprir co obxectivo da temporada a pesar de dispoñer dun cadro de xogadoras moi curto, co club, salienta Gorgoso, primando a súa seguridade económica sobre a deportiva, pronto tocará comezar a pensar no vindeiro curso tras despedir este xoves o groso das baloncestistas e declarar o «moi contentos» que están no Cortegada co traballo de Álvaro Fernández, co que terán unha conversa preliminar. «Se podemos dar outro salto adiante a vindeira temporada, darémolo, porque non podemos estar permanentemente aquí, porque a xente se cansa do mesmo», confesa o directivo. Pero «iso vai depender moito do nivel de socios. Non creo que cheguemos aos 250 e, como mínimo, precisamos de 600 a 800. Fixemos unha fase para tentar enganchar de novo á xente de Vilagarcía», di Gorgoso. Agora tócalle á outra parte responder.