O goberno local de Vilagarcía proporálle á corporación municipal a cesión da escola de Guillán a Bata

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Coa medida facilitaráselle á asociación de atención a persoas con autismo un espazo gratuíto para prestar apoio a unha vintena dos seus usuarios

19 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O goberno municipal de Vilagarcía de Arousa solicitará no próximo pleno ordinario da corporación municipal, o día 26 deste mes, a cesión gratuíta da antiga escola unitaria de Guillán á Asociación Autismo Bata. Un acordo que se estendería durante 20 anos, o mesmo número de persoas ás que, deste xeito, podería atender a entidade social.

Desde Ravella recórdase que a escola foi pechada pola Xunta de Galicia no verán do 2024 ante a falta das matriculacións mínimas esixidas para o mantemento do servizo educativo, desafectándose o seu uso no pleno municipal do último mes de novembro, de maneira que poida servir de espazo para a prestación doutras actividades.

No caso de Bata, a asociación que atende a persoas con autismo ten hoxe as 35 prazas do seu Centro de Día Abuela Esperanza da Laxe, un centro de día referente na provincia, ocupadas. Sendo que o Centro de Educación Especial Os Mecos, en Vilaxoán, só atende a persoas menores de 21 anos, o Concello de Vilagarcía ten na súa man evitar que varias familias teñan que buscar a atención que precisan os seus fillos a 80 quilómetros de distancia, no outro centro que Bata xestiona no municipio de Nigrán. O goberno local agarda pois o apoio unánime da corporación á súa proposta.