Arousa dá a benvida ao verán cun milleiro de lumes de San Xoán
VILAGARCÍA DE AROUSA

A sardiña, a quince euros e do xeito, foi a mellor aliada das brasas na noite máxica
24 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Di a tradición que a do 23 de xuño é a noite máis curta do ano. É posible que algún astrónomo ofreza outra data rigorosamente científica, pero o que importa no universo simbólico non é a exactitude senón a potencia coa que as referencias colectivas resoan nos peitos de todos nós. A derrota das tebras e o imperio da luz hannos acompañar durante os vindeiros meses, de calor, menos choiva —verémolo— e fartura nas colleitas. Así que, por urbanita que se teñan virado longas áreas deste vello país da fin do mundo, o San Xoán conserva toda a súa maxia. Dende logo, na beira sur do mar de Arousa, na que onte arderon un milleiro ben logo de cacharelas.
Vilagarcía encabezou este particular ránking, con 329 lumes. A meirande parte deles, en fincas particulares, aínda que non faltaron grandes celebracións colectivas coma a do Piñeiriño e unha vintena de brasas na praia da Concha-Compostela, un lugar propicio para este negocio de escorrentar meigallos e malas sombras. Cambados pelexou contra a escuridade con 172 puntos distribuídos entre os 35 do propio Cambados, os 38 de Castrelo, os 40 de Vilariño, os 16 de Oubiña e os 43 que se prenderon en Corvillón. Vilanova non quedou atrás, con 135 fogueiras, que foron 119 en Valga e 113 en Meis.
Tampouco non estivo mal a cousa no Grove, onde houbo 68 saltos de lume oficiais para cumprir cunha tradición que, dun xeito ou doutro, secundan a maioría dos veciños. Ben nas súas hortas, ben nos areais de Porto Meloxo ou Virxe das Mareas, que xunta As Besadas completan o triángulo meco de laparadas.
Todas estas son, por suposto, cifras oficiais, as das solicitudes que revisaron e autorizaron os diferentes concellos. Súmenselles as churrascadas de moitos establecementos de hostalería e as de quen foi por libre, e se comprenderá que ese milleiro queda ben curto. «Lume de San Xoán, que non me trabe nin cobra nin can». O verán xa é noso.

- Entre 12 e 15 euros. A sardiña do xeito, boa pero escasa, pagouse ben na praza de Cambados, ata 15 euros .

- As herbiñas. As herbas para o lavado purificador da mañanciña non poden faltar. No Grove, unha vintena de persoas participaron nun roteiro para a súa recollida que non esqueceu pasar polos lavadeiros do municipio na procura da auga de sete fontes, como manda a traidición.

- O Piñeiriño ardeu. Ano a ano, o barrio do Piñeiriño, en Vilagarcía, foi escalando posicións ata configurar a que, con permiso das tres grandes do Grove, sexa a festa máis multitudinaria do San Xoán arousán. Verbena, sardiñas, lume e xolda ata que saíu o sol.