
Nitróxeno e fósforo, abonos agrarios, non deberían chegar ao mar, pero estámolos a botar alí con plena conciencia e total indiferenza
21 jul 2025 . Actualizado a las 09:13 h.O domingo pasado, como xa denunciara no 2023, trouxen aquí unha fotografía da EDAR de San Vicente rebordando no mar materia contaminante. Este verán volverá haber máis episodios deses polo incremento descontrolado e irracional de transeúntes nesa zona. Os vertidos contaminantes dese emisario son o ordinario, aínda que non se vexan como os rebordamentos. O mal funcionamento, delituoso, da EDAR de San Vicente é coñecido polas autoridades administrativas que son sabedoras deses datos, pero non adoptan ningunha solución e permiten ese vertido empezoñador. O Observatorio Nacional da Auga, do Ministerio para a Transición Ecolóxica, dá datos terroríficos: A EDAR de San Vicente do Mar non suprime nitróxeno nin fósforo, non desinfecta de ningunha maneira, non elimina compoñentes orgánicos, nin sólidos en suspensión. Ou sexa: ordinariamente bota ao mar auga residual envelenada. A EDAR da Illa de Arousa achégaselle moito desde un punto de vista negativo: tampouco suprime materia orgánica, nin nitróxeno e fósforo. As demais da nosa comarca, aínda que non chegan á terrorífica contaminación da de San Vicente, non funcionan axeitadamente. A de Cambados-Vilanova de Arousa bota fóra nitróxeno e fósforo. Na de Vilagarcía de Arousa cualifícase do mesmo xeito —irrelevante— a eliminación de nitróxeno e fósforo. A de Sanxenxo, máis do mesmo: verte ao mar eses minerais. As de Ribadumia e Meaño, outro tanto. Todos os emisarios desas EDAR, non sendo a de San Vicente, vomitan residuos na Ría de Arousa. A eses hai que xuntar os da outra banda do mar e aos que supuran refugallos nos mil ríos deste país. Son datos oficiais. Así que a realidade, non sei se consentida sen vergonza, é que todo o mar de Arousa recibe, aparte doutro tipo de merda —si, perdón, pero dígoo así, non vaia ser que non se entenda— cada día nitróxeno e fósforo das poboacións da ribeira e da rede fluvial. A eses minerais hai que engadirlle o caudal de auga doce que o mar non recibiría naturalmente, unha cuestión que me parece obvia pero da que non teño datos. Xa hai un regulamento do 2024 que permitiría aproveitar esas augas, pero por aquí non hai ningún proxecto. Do que hai constancia oficial, aparte da defectuosa eliminación de sólidos en suspensión, é de que todas as EDAR do Salnés coinciden en non eliminaren nitróxeno e fósforo. E que pasa se a auga do mar recibe nitróxeno? Pois moi claro e coñecido: provócase eutrofización ou crecemento artificial da flora acuática, incluído o fitoplancto, que usa o osíxeno disolvido na auga, podrece e avolve todo ata bloquear a luz. É o principal proceso de contaminación nas augas interiores como as Rías, por moita renovación de auga que teñan. O apodrentamento deses vexetais favorece as bacterias que os comen e consumen o osíxeno restante, emitindo, entre outros gases, dióxido de carbono. Nesa situación, marisco e peixes morren ou foxen. Aquí sufrimos, non sei se por casualidade, o fenómeno recorrente das mareas vermellas. Nitróxeno e fósforo, abonos agrarios, non deberían chegar ao mar, pero estámolos a botar alí con plena conciencia e total indiferenza. As xeracións futuras non deberían perdoárnolo e porannos como falsos, mesquiños e traidores, porque o noso mar só nos fixo ben.