A provincia amosa estabilidade na seguridade pública no primeiro semestre
VILAGARCÍA DE AROUSA
A provincia de Pontevedra amosa unha tendencia global de estabilidade en materia de seguridade durante os primeiros seis meses do ano. Segundo a Xunta Provincial de Seguridade, liderada polo subdelegado do Goberno Abel Losada, o conxunto urbano rexistrou unha baixada da delincuencia dun 4,4%, con descensos especialmente significativos en cidades como Pontevedra (-5,3 %), Vigo (-4,9 %) e Vilagarcía de Arousa (-6,9 %).
En contraste, a zona rural viu medrar as cifras nun 5%, mantendo así un equilibrio estatístico no balance global provincial. O Concello de Marín rompe esta tendencia cun aumento notable do 15,6% nos delitos. Dende a Subdelegación do Goberno atribúen este dato (406 delitos) á acción de dous grupos criminais que xa foron neutralizados.
Paralelamente, tanto Policía Nacional como Garda Civil expresaron a súa inquietude polo crecemento da ciberdelincuencia, que xa representa o 15,9% dos delitos urbanos e o 28% dos rexistrados na área rural. O seu impacto, aínda que menos perceptible pola cidadanía, revela un desafío en expansión que reclama atención diferenciada nas estatísticas.
Outro dato alentador chega das estradas pontevedresas, onde as vítimas mortais diminuíron nun 41,1% respecto ao ano anterior. No último semestre foron dez as persoas que perderon a vida nas estradas provinciais. Os operativos contra condutas de risco e os controis de alcohol e drogas colocan a Pontevedra entre as provincias máis activas no ámbito da prevención viaria, con máis de 3.000 casos positivos rexistrados no balance ofrecido este xoves tras a comisión provincial de seguridade.
Violencia de xénero
O sistema VioGén conta con 1.903 casos activos na provincia pontevedresa, todos baixo distintos niveis de protección, e un total de 1.239 ordes xudiciais vixentes en materia de protección. Dos casos contabilizados como vítimas protexidas, ningún de eles está considerado como de risco extremo e 22 son de risco alto. A cobertura policial abarca todos os corpos, incluídas as policías locais, evidenciando o esforzo conxunto na loita contra esta forma de violencia.