Arousa recupera a cota dos 4.000 parados tras dous meses para a historia do seu mercado laboral

P.P.V. VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O incremento do número de desempregados en setembro inclúe unha espectacular caída na comparativa co dato dun ano atrás

03 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Por primeira vez desde que existen rexistros, o conxunto dos once municipios do sur da ría de Arousa e do interior do Salnés baixaron este ano dos 4.000 parados. Fíxoo non un mes, senón dous. A campaña estival conseguiu reducir coma nunca o número de cidadáns da comarca apuntados nas listas das oficinas públicas de emprego, ata os 3.937 en xullo e os 3.940 en agosto. Privada do tirón que as actividades turísticas e de ocio lle dan cada ano ao mercado laboral arousán, a comarca viu o punto, haberá que ver se final ou suspensivos, á feliz tendencia sinalada, cun incremento en setembro de 158 persoas solicitantes dun contrato ante o departamento público de colocación. A suba sitúa en 4.098 a nova cifra de desempregados, un 4 por cento máis co mes anterior.

Meis, a única excepción

Meis, con dúas persoas menos nas listas, 144 polas 146 de agosto, deu escapado do comportamento do mercado laboral da zona en setembro. Especialmente negativo en tres concellos, nos que a variación acadou os dous díxitos porcentuais. Do 13,9 % na Illa de Arousa, subindo dos 108 aos 123 parados, do 13,7 % en Meaño, de 102 a 116, e do 11,3 % en Pontecesures, de 115 a 128. Tamén foron altamente significativos os crecementos do colectivo de persoas na procura de traballo no Grove, do 9,4 %, de 244 a 267, e en Vilanova de Arousa, do 8,5 %, de 399 a 433.

Completan a relación os 32 parados máis en Vilagarcía de Arousa, para un total de 1.926, os 22 de Cambados, que pechou setembro en 498, os 3 de Valga, con 205, e de Ribadumia, con 130, e o desempregado máis rexistrado en Catoira, con 128.

Case 600 menos ca hai un ano

Claro que unha ollada máis ampla ofrece unha visión francamente positiva. Os 4.098 parados cos que a zona pechou setembro son 575 menos cos que figuraban nas listas das súas oficinas públicas de emprego doce meses atrás, cando Arousa despedía o verán do 2024 con 4.673 parados. Trátase dun descenso interanual do 12,3 por cento. Practicamente o dobre do 6,54 por cento experimentado no conxunto do mercado laboral galego no mesmo período, porcentaxe que a nivel estatal foi do 5,97 por cento.