«Quero darlle valor ao que facían as mulleres de antes; elas as veces non se dan aprecio»

Rosa Estévez
r. estévez O GROVE / LA VOZ

VILANOVA DE AROUSA

Silvia Domínguez vén de presentar no Grove un caderno sobre as herbas de San Xoán

22 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Silvia Domínguez é natural de Baión (Vilanova). Medrou entre o monte e as fincas da aldea. A súa foi unha infancia «entre bichos e plantas» que acabaría por empuxala a estudar Bioloxía Ambiental, malia que logo a vida a levara por outros camiños. Hai uns anos, tras se asentar no Grove, decidiu facer unha pequena charla sobre a tradición das herbas de San Xoán. «Cando era nena, iamos buscalas coa miña nai, era unha marabilla», conta. Naquela charla coñeceu a Laura, da editorial Patas de Peixe, quen a volta dun tempo contactou con ela para proporlle escribir un caderno de campo sobre as herbas. Comezou así un traballo no que foi crucial, tamén, a intervención de máis colaboradores -Daniela e Lino- e no que a autora quixo verter moitas das súas experiencias e, sobre todo, o respecto que sinte pola tradición e por quen a soubo conservar. «Quería darlle valor ao que facían as mulleres de antes; elas moitas veces non se dan aprecio, ao contrario. Mentres me estaba documentando para o libro, moitas me dicían que ‘estas son parvadas de antes que se facían nas aldeas'», conta Silvia Domínguez. Ela, por suposto, non concorda con semellante afirmación. E non se trabuca: durante a presentación do libro, o pasado venres no Grove, «moita xente se achegou para comentar vivencias e historias», como se a tradición do San Xoán lograse conectarnos de novo con quen fomos, con quen somos.