José María Paz Gago: «Divulgar a obra de Valle é doado, está permanentemente vixente»
VILANOVA DE AROUSA
A asociación Amigos de Valle-Inclán cumpre 25 anos e a revista Cuadrante chega aos 50 números
31 oct 2025 . Actualizado a las 20:51 h.A asociación Amigos de Valle-Inclán celebra 25 anos da súa fundación. Esta tarde, na casa-museo celebrarán tal efeméride cunha serie de actos coroados pola presentación do número 50 da revista Cuadrante de estudos sobre o escritor —un fito salientable para unha revista cultura—, e coa entrega do premio Mari Gaila. Alí estará presente o celanovés José María Paz Gago, catedrático de Literatura Comparada e presidente da asociación dende o 2020, quen lembra pasado, observa presente e marca futuro dunha organización que xa é un símbolo de Vilanova.
—A asociación nace no cambio de século cun cometido moi claro.
—Si, foi fundada por un grupo de veciños que quixeron defender o nacemento de Valle-Inclán na súa vila. Unha vez que foi sobradamente demostrado, a nosa labor actual é a de divulgar e estudar a obra do autor. Inicialmente tivo unha perspectiva máis xeneralista, como o demostra a liña de Cuadrante, ou iniciativas como o Festivalle. Pero contamos tamén cun gran músculo científico.
—Pero non é a primeira que leva este nome.
—Non, de feito nós sentímonos herdeiros das asociacións que nos anos 20 e 30 crearon os amigos de verdade de Valle, como Ricardo Baroja, Cipriano Rivas ou Romero de Torre, para dar a coñecer e representar a obra do seu compañeiro, e tamén para axudalo economicamente.
—Era Valle-Inclán menos recoñecido no ano 2000?
—Valle foi sempre un artista vixente. En vida, cada vez que daba unha entrevista, copaba portadas. Hoxe en día, cada ano hai dez compañías que o representan, un fito que non iguala ningún outro dramaturgo español, nin sequera Lorca. En Madrid o Ateneo mantén viva a súa figura, en Barcelona temos o Taller de Estudios Valleinclanianos, en Roma, onde Valle foi director da Academia Española de Bellas Artes, facemos actividades... Nós simplemente procuramos que siga presente nos medios. A verdade, divulgar a obra de Valle-Inclán resulta moi doado.
—Tamén entre a xente do común.
—O groso da asociación é xente de Vilanova, de toda a comarca, de Madrid... Non queremos pecharnos nas torres de marfil que ás veces son as universidades. Sentímonos orgullosos de que a asociación estea tan integrada na cidadanía de Vilanova, unha vila que vibra con Valle. E, por suposto, contamos co apoio constante do Concello.
—Hoxe entregan o Mari Gaila.
—Si, a Catarina de Azcárrate, que leva anos interpretando autos de Valle, coa compañía Tribueñe. Na miña opinión, a actriz que mellor representa a forma que pedía o dramaturgo para o seu estilo, unha interpretación nada naturalista, esperpéntica.
—Que novos retos afronta a asociación de cara o futuro?
—Consolidar o Festivalle como unha gran cita do teatro español, quizais á altura dos de Almagro ou Mérida. A xente marabíllase cando descubre que temos o único festival de España dedicado a un so autor. E fortalecer o noso músculo científico, temos varias teses a piques de publicar.