A rosa é a rosa

ANDRÉS TEIRA

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

15 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

CANDO POLA mañá dou en pulsar unha vez máis o mando a distancia da miña radio, a voz do locutor, a voz que vén da madrugada, dá en invadir o meu salón. Non me sobresalto. O café negro está na mesa, nel hai unha chispa de luz, atraéme o seu sabor, e síntome neste primeiro instante coma un resucitado. A voz sigue, di... Un home morre en Santiago a mans de hinchas do Depor, iso dí. Non me sobresalto. As trifulcas no fútbol, as mortes nas que deriva, froito dun fanatismo incontrolado non me conmoven. A violencia nos estadios é unha lacra, un mal. Mesmo os xogadores fan apoloxía das malas artes, e, por enriba, sábeno. Algúns presidentes de clubes non poñen nada da súa fornada para reprimir estes excesos. O fútbol é centro da información dos medios de comunicación, nos telexornais ocupa horas e horas, así ata converter ó televidente nun adicto. A cultura non conta, para qué, chega con saber ónde está o fóra de xogo. É unha pena, non me asombro. Gestrud Stein, a escritora norteamericana, deixonunos o arrecendo das rosas, «a rosa é a rosa». Queda aí o seu chamamento á limpeza inmediata e pura, contra o ardor. Que sementen se son quen tódolos estadios de rosas. «A rosa non a tocar», cantaba Juan Ramón Jiménez. Pode que así me asombre.