As dornas de Porto do Son

MANUEL TEIRA

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

05 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

«HOXE AS dornas surcaron o sorriso do mar profundo e nidio». Estes fermosos versos pertencen ao poeta de Taramancos Antón Avilés, ao seu libro Tempo do espello . Digo eu, todo o mar, o mar desta illa, tan só pode ser iso, unha dorna. O vindeiro sábado, a Concellería de Cultura sonense, da que é responsable Xoán Pastor Rodríguez, vai presentar o libro As dornas de Porto do Son . O autor da obra é o etnógrafo e académico Xaquín Lorenzo, ao que este ano se lle adica o Día das Letras Galegas. Este traballo publicouse inicialmente na revista Nós , no ano 1934. Foi o resultado dunha estancia do autor ourensán nesta vila, que logo se traduciría nun estudo antropolóxico sobre as dornas neste municipio. Os traballos de Xaquín Lorenzo no mundo da investigación etnográfica e arqueolóxica teñen coma obxectivo a recuperación da memoria. Neste estudo detállanse cada unha das pezas da dorna e recupérase o nome que lle daban os mariñeiros naquel momento. A presentación será no Centro de Interpretación do Castro de Baroña, e correrá a cargo de Francisco Calo Lourido. As publicacións son iniciativas importantes. Esta terra é unha illa, esta illa é o mar.