DENDE FÓRA | O |
16 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.NESTAS QUENTURAS caniculares sobresaen as cores, os arrecendos e os sons, conciliándose os verdes cos azúis e cos cantos dos paxaros. Apetece a bocanoite. Detrás deixamos os grises marengos e afloran os salgados cheiros dos mares, calmos da ría de Arousa e broncos de Corrubedo, mentras, coma min, voltan as andoriñas. Vixiante e queda amósase a serra do Barbanza. Mesturámonos cos de fóra, escoitando as súas agarimosas loubanzas mentras gozan dos nosos pracenteiros froitos, da queimada con meigas e das nosas crenzas e supersticións. Tamén esquecemos as lacerosas ironías de Castelao, o pensamento de Brañas ou a tenrura de Rosalía, aínda que non os praceres de Cunqueiro. Tendo tanto como temos e sendo tanto como somos, ¿qué máis nos pode facer falla? Pode que algún revolucionario, como o Che Guevara en Cuba, ou o xurdir dun abraiante grupo musical, en clave de gaita de fol, exitoso como os Beatles, que achegue os nosos sentimentos celtas alén de todos os sitios. Xa saben o que dixo o sabio: daría todo o que sei por saber o que non sei. Quizáis precisemos menos do que pensamos ou, ao mellor, xa o temos todo. Non sobraría un poeta que, como Miguel Hernández, con alma profunda do noso ser e sentir, escribira este artigo en alporizados versos. ¡Cánta envexa lle teño á lírica dos poetas! Son cousas do verán.