Testemuño dun poeta popular

Xoán Pastor Rodríguez PORTO DO SON

BARBANZA

Manuel Barral Ventoso é un autor sonense esquecido que tivo que emigrar sendo neno

06 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

Non sempre valoramos adecuadamente a importancia que ten a cultura popular na nosa memoria e na memoria dos pobos. Esta soberbia intelectual lévanos a esquecer o papel de gardiáns do sentir e do acontecer das vilas que teñen os poetas de xenea popular. É o caso do sonense Manuel Barral Ventoso, nacido en 1917 e bo representante dun tipo de poesía que recolle non só os sentimentos da xente, senón tamén, ás veces moi criticamente, os aconteceres sociais e políticos dunha vila. Como bo sonense, natural dunha vila dominada pola presenza do mar, comezou a súa andaina profesional aos trece anos, na pesca. Cando tiña quince anos emigra a Cádiz, en plena Segunda República, como perfecto representante dunha das eivas históricas do pobo galego, obrigado a abandonar a súa terra para gañar o pan. O seu esforzo persoal fíxoo ir mellorando de situación laboral. Vinculado ao sindicato anarquista da C.?N.?T., buscado polas autoridades franquistas para prendelo, estivo no cárcere de Cádiz dous meses. Logo viuse obrigado a loitar no bando franquista na Guerra Civil, como tantos outros galegos de sentimentos democráticos, como lle ocorrería a homes tan significativos como Fernández del Riego ou Celso Emilio Ferreiro. Rematada a Guerra Civil, emigrou ao País Vasco, lugar de destino habitual de moitos emigrantes mariñeiros galegos, onde se estableceu primeiro en Pasajes e logo en Bilbao. En 1941 logra aprobar o exame de patrón, pero malia isto, e dada a situación do país, emigra en 1950 á Arxentina, onde sufriu de novo un réxime autoritario, o de Perón, o que o obrigou ao regreso. Ca emigración galega De novo no País Vasco, desenvolve a súa actividade profesional e dende 1977 vincúlase ás actividades culturais e lúdicas da emigración galega en Euskadi, chegando a presidir o Club de Xubilados de Trintxerpe catro anos, ata 1981. Sempre sentiu unha grande afección pola poesía e súa musa non se limitará á recolleita dos sentires, das paisaxes do seu pobo natal, aínda que cantará ao val de Nebra, á capela da Atalaia do Son, senón tamén a rememorar as vivencias da súa infancia de preguerra, ás críticas políticas dende perspectivas democráticas: «Ceibo estas risas ó vento / pra que voen espalladas, / ceibo un berro de descontento / denunciador de aldraxadas». Amor profundo á lingua ( «¿Por que a imbecilidá de iñorar / a lingua do seu pai i a súa nai?»), veneración por a representante máis excelsa da cultura galega, Rosalía de Castro, no que segue o ronsel, o río de poetas que cantan á autora de Follas novas , que vai dende Curros Enríquez ata hoxe mesmo. Os seus versos rosalianos definen unha Rosalía verdadeira, crítica: «Saudades, denuncias, alegría i tristeza / amor á terra nai, a nosa Rosalía de Castro / ergueuse sobor a torpe vileza / mais brila como resplandecente astro / porque a súa poesía está chea de beleza». Non estaría completo un panorama da cultura galega, da súa memoria histórica senón gardásemos lembranza dos homes que, como Manuel Barral Ventoso, representan unha ponla imprescindible da árbore que é Galicia, a ponla da poesía e do sentir populares.