LINGUA PROLETARIA | O |
30 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.A ESPERANZA dunha nova vida é un mito amplamente difundido en todas as culturas e relixións; comparada, na maioría dos casos, coa semente que fica baixo a terra ata que a luz e a calor da primavera a fai reverdecer. Roma, tan dada a recoller dos pobos que invadía aquilo que a enriquecese, tanto no monetario como no espiritual, non dubidou en traer de Grecia e Exipto aqueles deuses que complementaban o seu panteón, e por iso, unha das grandes festas do imperio era a chamada do «achádego de Osiris» (deus exipcio da fertilidade), celebradas entre o 28 de outubro e o 3 de novembro, xusto cando se dá por finalizado o tempo benigno, e os labores do campo rematan coa recolección dos derradeiros froitos do ano para lle dar entrada ó tempo desapracible, frío e escuro; dito dunha forma máis relixiosa, cando o home (ser vivo), ten que convivir co inverno (a morte da natureza). Ós romanos gustáballes aquel misterio exipcio, dun deus afogado no Nilo pola envexa do seu irmán, e como o río, logo, co espírito do benévolo deus nas súas entrañas, inunda na primavera as terras baixas e fertiliza os campos, entendéndose na relixiosidade do lugar como que o propio deus era quen facía xermolar os campos dos seus fieis. E como ter o corpo daquel deus benfeitor se converteu nunha especie de necesidade vital para asegurar as súas bendicións, o seu corpo, mutilado, foi repartido por varias cidades santuario, onde tamén se plantaba unha árbore como indicativo de que sobre a morte florece a vida. Esa idea central: a vida renacendo tras a morte, foi adoptada polo cristianismo, e así, a festa de Todos os Santos honra ós fieis que, tras a morte, fican como a semente baixo a terra agardando o momento de florecer na outra vida. A pesar de estar tan distanciados xeográfica e culturalmente o mundo exipcio e o celta, hai proximidades iconográficas, míticas e relixiosas que finalmente chegaron ata nós. O Samaín celta celebra o intre no que os homes rompen as fronteiras entre o Alén e o presente. O Samaín (palabra gaélica que os ingleses traducen como Halloween) significa algo así como o final do estío, nunha cultura que só coñecía dúas estacións: o verán e o inverno, intre no que as distintas tribus celebraban as súas asembleas, comidas rituais e festa relixiosa, durante a que se contaban as moitas lendas que tiñan por data de celebración tal día, e da que se nos fai moi curiosa a do heroe que fica postrado durante todo o inverno, desde o Samaín ata o Cetmaín ou comezo do verán, en que volve a actividade da tribu, ou os reis que permanecen na ignorancia durante o inverno e recobran o senso cando chega o verán. O cristianismo colocou en tal data a de Todos os Santos e Defuntos, como unha lembranza de que, como a semente, como Osiris ou os lendarios heroes celtas, tras a morte virá a renacencia.