«Asados é a miña Ítaca, a miña paisaxe sentimental»

F. R. Lavandeira

BARBANZA

No ano de Lorenzo Varela cobra Xosé Luis Axeitos un merecido protagonismo dada súa calidade investigadora e o compromiso coa Terra

23 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Probablemente será en Salamanca onde o Axeitos aspirante a filólogo reafirme os iniciais contactos cos autores de Rianxo. Temos que recoñecer que foi unha vila na que, polas súas condicións socio-económicas, sempre houbo unha especial solidariedade e fraternidade, unha limpeza moral que se xera na humildade das súas xentes. E aínda teríamos que engadir o azar que supón que a pequena burguesía local empatara co espírito institucionista a través da familia Baltar. O institucionismo tiña fe na cultura coma un xeito de redención do pobo.... Un espírito ó que el tamén se sinte fiel e que lle permite, na súa triple condición de académico, investigador e docente, inquirir sobre a realidade do noso país. «Non é doado adiviñar o futuro -apunta- pero a nosa cultura hoxe por hoxe está ancorada na vontade de moita xente que segue a loitar por sermos nós mesmos. Dispoñemos do exemplo e dos valores morais de moita xente coa que seguimos a compartir unha terra, un idioma e unha experiencia histórica. Son as nosas mellores armas de cara ó porvir». A especialidade científica de Xosé Luís é, fundamentalmente, a realidade exílica. «O exilio de calquera época -diranos- é sempre un discurso desamparado na procura dunha terra, dun idioma e dunha historia compartida. Estes anceios soamente poden ter acubillo nun país que non esquece e o noso está aínda a padecer ese período que se chama transición e que se fixo afastándose dos valores éticos e morais de nacionalistas e republicanos en xeral». Valores que entende personificados no proxecto e protagonistas de Sargadelos, ó que se sinte intimamente vinculado: «Sargadelos -afirma- é un proxecto que naceu ó abeiro dos intelectuais exiliados e está ata o día de hoxe a responder ás fundadas esperanzas coas que se fundou. Ediciós do Castro segue a ser unha referencia en canto que acolleu sempre o discurso reivindicativo dos homes e mulleres que deron o mellor da súa vida entre dores e nostalxias. Sargadelos foi sempre un espacio de liberdade e é moito máis que unha empresa». Os estudios literarios, o ensino, a participación na acción cultural, son atalaias que lle permiten a Axeitos reflexionar sobre a axitación cultural, pese a que todo resulta difícil no contexto actual, onde a forza da palabra non chega para derrubar certas paredes construídas polos poderes económicos e relixiosos. «Soamente escoitamos os ruídos dos coches, do fútbol, da televisión e dos grandes almacéns. A ética e a moral son dúas palabras perdidas neses cemiterios que son os dicionarios. Pero hai que seguir confiando na palabra, non temos outra arma». E desa palabra, como memoria histórica e persoal, tamén íntima, trata o último libro de Xosé Luís Axeitos, realizado á par con Charo Portela, filóloga e xestora cultural, e que ten a Carmen Muñoz, viúva de Rafael Dieste, como protagonista. «A publicación do epistolario non é outra cousa que unha homenaxe a unha muller que foi moi importante na miña vida, porque me puxo en contacto cun mundo que permaneceu afastado de nós por mor da censura e do engano. Recuperalo e coñecelo supuxo para min o achado intelectual máis sorprendente». Xosé Luís Axeitos sempre regresa á parroquia natal. O intelectual, nado Balbino -en expresión súa- sinala: «Asados é a miña Ítaca, é a miña paisaxe sentimental onde me recoñezo como pobo. Eu coñezo da miña aldea os nomes das corredoiras e das leiras máis pequenas, non todas por suposto, e tamén os alcumes familiares e dos veciños. Esto supón que eu teño colonizado, conquistado cada currucho de Asados e a calquera sitio que chegue sempre atopo un rostro familiar e coñecido. É, xa que logo, a seguridade que necesitamos nun mundo cada vez máis hostil e distante. Asados é o meu paraíso onde soamente padezo, levemente, cando perdo unha partida de tute cos meus amigos de sempre...».