Agora marcha negra

JOSÉ RODRÍGUEZ CABEZA

BARBANZA

DESDE FÓRA | O |

07 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

PARA COMENZAR compre dicir que, en España, hai moitos territorios con capacidade e necesidade de botar man da inmigración. En Galicia, unha axeitada política migratoria posibilitaría un desenvolvemento sostible do rural galego. Sobranceiros precedentes hai no leste peninsular, dos que son testemuña. Cousa ben distinta é como deberían chegar esas persoas aquí. Todo o demais son barbaridades, que non se lles ocorrerían nin a quen asou a manteiga. Por iso non podo entender como nas máis sesudas tertulias radiofónicas, televisivas e comentarios xornalísticos, aínda se xustifique o que pasa en Ceuta e Melilla e demais transbordos inhumanos de persoas en gamelas. Ás cousas hai que chamalas polo seu nome, e isto non é máis que outra noxenta, pero intelixente xogada alauita, como pasou coa marcha verde de 1975, aproveitando aquel delicado momento da nosa transición política e, agora, cun feble e perigoso goberno español, instigando e aproveitándose, vergoñosamente, de africanos, cunha finalidade ben distinta á do arranxo das súas miserias. Dito en linguaxe paladina, están en guerra con nós, polo que ás guerras non se poden enviar soldados disuasorios sen armas, como tampouco sega-la herba sen fouciños. Para decatarse de que Marrocos non xoga limpo, e xa non digamos que sexan uns veciños razoables, non temos máis que ver como rexeitaron a nosa flota pesqueira, mentras que outros barcos seguen pescando alí. E non será porque non o tentaramos, incluso humildemente, como o fixo o propio alcalde ribeirense, nin agora coa torpe talantina de ZP. Non sei que máis fai falla para confirmar o argumento de que os asasinos do 14-M non estaban nin en montañas moi altas nin en lonxanos desertos. Pode que a resposta a teñan Carod Rovira and company .