DENDE FÓRA | O |
18 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.PARA CONTEXTUALIZAR este traballo, debo dicir que a miña xeración formativa pertence á chamada a letra con sangue entra, con duros controles nos bacharelatos e no acceso ás universidades. Lembro que nada doado, xa que tiñamos que adicarlle ás materias de aprendizaxe, cando menos, o mesmo tempo que calquera traballador, ou sexa, entre oito e dez horas cada día, con lecer dominical. Aínda así, eramos uns privilexiados e coido que desenrolamos un papel axeitado na sociedade. Na primeira lexislatura democrática, Adolfo Suárez propúxolle á oposición, representada por Felipe González, o do cheque escolar, ademais de manter os centros públicos alí onde a iniciativa privada non chegase. Cando o futuro presidente de goberno o rexeitou, eu prognostiquei o fracaso escolar que hoxe en día se reflicte na nosa sociedade. Os meus fillos foron ás escolas públicas, pero sempre botei man dos apoios externos privados que, afortunadamente, había e segue habendo na Pobra do Caramiñal, moi coñecidos e recoñecidos, a pesares de que estaban censurados por algún sector prepotente dun profesorado politizado e ideoloxizado. Non deixa de ser paradigmático que o novo proxecto de lei educativa recolla a mesma necesidade. Pois ben, ademais de todas as eivas que o novo proxecto de lei plantexa, tan acertadamente protestado, hai unha que é nuclear. Refírome á ausencia do control e participación activa e democrática dos país no funcionamento e ideario dos centros, xa que os consellos escolares seguen a ser a pantomima de sempre, mantendo todo o protagonismo do ensino os claustros e a Administración. ¿De quen son os nosos fillos? O que menos importa é a formación de vindeiros valores, senón o adestramento doutrinal, igual que nos peores tempos de Franco ou de Stalin. Nós, coma os cangrexos, recuando.