Volve Rianxo

Anxo Angueira

BARBANZA

26 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

NARRATIVA «O xene da Chuvia» Rianxo estigma, emblema orixinal e resistente, é un dos grandes protagonistas de O xene da chuvia , propositadamente aberto polo conto Río dos Cordabáns , cifra, explosionado dun universo no que o autor, Xosé Ricardo Losada, evoca a primeira apropiación a través dos seus nomes: Fincheira, Os Ghudiños, A Ghrenla, Os Loureiros, Rinlo¿ e que remata no derradeiro dos relatos, en Sete Foghas. Agora ben, trátase dun Rianxo con ramificacións en Kuala Lumpur, en Compostela, París, Ézaro, Shangai, Monforte, México, o Campelo, Rianxo montañoso onde vivía o vello que quería ve-lo tren, ou Nebraska; dun Rianxo algunhas veces «Feito en América», en dialéctica co espazo universal e as ditaduras da sociedade neoliberal e globalizadora, co espazo intertextual (Chove libros) en activismo lúdico e paródico, coma en Cunqueiro ou Borges, autor sobre o que se edifica Un plaxio máis que legal . A través do pensamento crítico, o local e familiar manéxase en oposición ó estraño, deixando que o lector vaia e veña do idílico para o sinistro, nunha especie de Fita de Moebius que nos descoloca e nos fai pensar. Velaí o amor, contrario a si mesmo, ucronía, utopía, pulsión que nos move e nos encadea, espiral enemiga da Orde Interminábel que nos come os angumiños, música nun firmamento pitagórico que só podemos, cousa terríbel, escoitar a soas ( A coartada dos ollos baixos ). O método máis habitual desta poética é o descenso ó eu de lembranzas e pulsións, ó inconsciente. E aquí é onde o autor se achega a Rafael Dieste: a realidade componse tamén de ficción e fantasía. E de literatura, como demostra a Carta a Doirau ou a Internada pola banda de Laíño , onde os anos de estudo, poetizados por Bernardino Graña, mestre, están agora elevados á categoría de páxina xeracional: as neves de antano. Volve a Terra de Iria. Volve Rianxo.