DENDE FÓRA | O |
24 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.COLLES O o xornal pola mañá e, mentres tomas un café, olleas os titulares deixando para a noite o feito de entrar no miolo dos temas, máis sosegadamente. Antes, cando se viaxaba en ómnibus cara o traballo ou para unha consulta médica en Santiago de Compostela, aproveitábase a lectura do xornal para non aburrirse e ademais enterarse do que pasaba alén dos nosos lares. Hoxe en día, queremos que os xornais nos informen das cousas que ocorren máis preto de nós, tanto dos cotilleos das barriadas coma das faltriqueiradas que se lle supoñen aos políticos, cousa que non sempre é xusta nin certa, pero que ten morbo. Barbanza sempre é un contraste en todo e, tamén, nas novas de cotío. Os gandeiros das bestas mostrencas chegan a acordos coas comunidades de montes dos lugares de Postmarcos e Ribasieira, sen necesidade de que a Xunta de Galicia teña que sustituir a vella lei de 1905 que aínda é a que segue regulando o tema. Coma ocorre sempre, a realidade social vai por diante da realidade política. Sen concentración parcelaria, vén Paco Crusat e pon de acordo a centos de propietarios para producir Viño da Terra Ribeira de Arousa. Espero que me convide a probalos en Entrerríos, sen dúbida paraxe singular, envolto nos cantos rodados do río Pedras. Crusat é un enólogo vocacional, con capacidade de liderado, polo que sacará adiante o proxecto exitosamente. O que non ten viso de arranxo é o descontrol das tarifas pola recollida e tratamento dos nosos lixos, doenza que atinxe por igual aos municipios que están co sistema de Sogama como aos que están vencellados á mancomunidade de concellos Serra do Barbanza. Agás no concello pobrense que, niso, fixo ben os deberes, sen que os veciños estoupasen, xa que a xente sabe razoar máis do que pensan os que gobernan somentes co obxetivo do recunque. Por iso, sempre dixen que é unha mágoa que cando hai eleccións municipais os candidatos esquiven o debate sobre as políticas fiscais e orzamentarias. ¡Que máis dá!, di a xente, se todos son iguais.