A semántica

JOSÉ RODRÍGUEZ CABEZA

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

07 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

NESTES INTRES, España está diante dunha das meirandes convulsións sociais do que eu lembro, polo que non é doado facer unha análise do que acontece botando man das hemerotecas do noso tempo, senón da historia, algo moi subxectivable segundo quen a conte, pero tentarémolo. O problema xurde da tendenciosa manipulación de conceptos semánticos, tales como desconcentración por descentralización, autonomía e autogoberno por delegación, identidade por autodeterminación, etcétera, que a xente de ben nunca pensou que poderían traer consecuencias transcendentais, xa que se confiaba na honorabilidade política e non na trampa. Vexamos. Partiamos, coa morte de Franco, dun Estado centralizado, tanto que cando se estaba tentando facer o porto comercial pobrense, ata Leopoldo Calvo Sotelo tivo que facer unha visita comprobatoria da súa necesidade. Con Fernández Albor na Xunta de Galicia todo foi máis sinxelo. Isto é o que se chama desconcentrar, cousa que todos viamos con moi bos ollos. Pero claro, xa di o refrán, dos bicos e dos abrazos veñen os embarazos, así que, coas quenturas que había na transición despois de tanto celibato, almallouse a nación española e naceron as autonomías, con capacidade de autogoberno, que nada ten que ver coa autoadministración que todos propiciamos nos nosos fillos para que saiban o que custa un peite. Nada tan fermoso coma ter unha grande descendencia e ben levada¿ ata que toca cobrar a herdanza. Todos sabemos que cando comeza o desenfreo, aparece o descontrol, como pasa co asunto do urbanismo, que é a nai de tódalas guerras nos concellos, do que exemplos temos nesta bisbarra, coma en Boiro que seica xa non serve o de hai tres anos, ou no de A Pobra que non pasa a reválida xunteira. E agora laméntase o goberno central de non teren capacidade normativa neste tema. ¡O que nos espera!.