Un poeta do Son que viviu na Coruña

Pastor Rodríguez

BARBANZA

XOSÉ IGLESIAS ROURA

29 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Pouco máis ca unha sombra nos manuais e nas enciclopedias é o sonense Xosé Iglesias Roura, quen naceu en Portosín o 28 de abril de 1879, e non en 1880 como sinalan algunhas fontes. Viviu a maioría da súa vida na Coruña, cidade da que foi concelleiro nacionalista, e na que colaborou no xornal A Nosa Terra con poemas orixinais e, sobre todo, con traducións ao galego, poñendo na nosa lingua ao catalán Joan Maragall, ao francés Musset ou ao italiano Grossi. Foi o seu labor máis destacado, pois como poeta cultivou unha liña tradicional, aínda que non exenta de calidade nalgúns textos, entre os que destaca o virxiliano Tras o arado. Colaborador das páxinas Nós do xornal El Noroeste, a súa sinatura apareceu tamén en El Pueblo de Pontevedra, voceiro da coalición republicano-socialista. Tivo un papel interesante no teatro galego, pois dirixiu artisticamente o coro Cántigas da Terra e estreou a peza Muiñadas en 1924. Avogado, faleceu en Mera o 27 de setembro de 1930.