María do Cebreiro agradeceu as verbas que tanto Paulino Vázquez como Xosé Ricardo Losada lle dedicaron. A súa resposta foi a lectura de tres poemas de Os hemisferios . Logo, deuse paso a un debate sobre a poesía, no que algúns membros do público se interesaron polas sensacións da autora á hora de facer versos, pero foi máis interesante o diálogo que se abriu, exposto por Losada, sobre o hermetismo dos poetas coa sociedade. O secretario de Barbantia preguntou aos dous autores se o feito de que a poesía non tivera máis aceptación non era por culpa dos escritores, que semellan reacios a facer público os seus traballos. Vázquez respondeu plantexando se non será consecuencia da falla de interese do propio público, e non dos creadores. Quedou claro que a maior parte dos lectores teñen preguiza para ler poesía. Tamén se puxo en dúbida a sinceridade, que, segundo un interlocutor, pasa a un segundo plano para gañar orixinalidade. Os poetas apuntaron que os escritores deste xénero priman a orixinalidade, pero sen renunciar á autenticidade. Losada deu pé a outro pequeno debate sobre Manoel Antonio, ao cuestionar a Vázquez e a María do Cebreiro se o consideraban o máximo expoñente da poesía en Galicia, consideración que ratificaron os dous.