A casa de cultura da vila dará cabida esta semana ao octavo Seminario Internacional de Tradución e Poética
14 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.A vila rianxeira vivirá esta semana un intenso encontro coa cultura. ¿O motivo? A localidade dará cabida desde hoxe ao octavo Seminario Internacional de Tradución e Poética. A Asociación de Amigos da Universidade Libre Iberoamericana en Galicia (Auliga), presidida por Antonio Domínguez Rey, elixiu unha vez máis Rianxo para celebrar a súa xuntanza anual, na que a ética terá unha especial relevancia.
A cita reunirá a máis de vinte profesionais da lingua e da literatura, cun espazo destacado para a filosofía, grazas á participación de intelectuais como Antonio Regalado ou Manuel Jiménez Redondo. «Estamos moi contentos porque nesta edición contamos coa presenza de verdadeiros expertos da palabra. Tanto Regalado como Jiménez son invitados de auténtico luxo que ademais porán o broche de ouro o sábado ás xornadas», explicou Domínguez Rey.
Publicacións
No seminario haberá de todo. Neste encontro, daranse a coñecer varias obras en edición bilingüe, dúas delas traducidas do galego ao francés. «No momento das presentacións literarias, que será tamén o último día, se amosará a publicación en galego e castelán de Verán lingua morta, do autor Bernard Nöel e traducida por Miguel Anxo Fernán-Vello», indicou o presidente da entidade.
Os amantes da literatura estarán de sorte, pois ata o sábado teñen á súa disposición toda unha variedade de actividades intelectuais nas que poderán participar.
Entre os obxectivos, o director de Auliga comentou: «Esta iniciativa favorece o compartimento de experiencias entre escritores e intelectuais españois, galegos, portugueses ou doutras rexións lingüísticas. Nela, realizarase ademais un obradoiro de escritura, tradución e poética impartido polos críticos e profesionais invitados especialmente ao seminario».
E engadiu: «O que buscamos é establecer canles comúns de encontro entres as comunidades hispanas partindo do bilingüismo de Galicia e da cooperación interuniversitaria con Iberoamérica».
Outros asuntos
Antonio Domínguez Rey contou que ademais este ano abordarase o tema das limitacións da lingua.
«Vivimos nunha sociedade na que se aprecia unha tónica constante de redución da linguaxe, sobre todo entre o segmento da poboación máis nova, por iso unha das conferencias estará dirixida a abordar este conflito tan actual», sinalou Domínguez.
O seminario conta co apoio permanente do Concello de Rianxo, en colaboración coa área de Lingüística do departamento de Lengua Española da Facultade de Filoloxía da universidade a distancia de Madrid. Ademais, nesta convocatoria coopera a Dirección General del Libro, Archivos y Bibliotecas, do Ministerio de Educación, e máis a Deputación da Coruña. «Sen a axuda de todos eles o noso traballo sería insuficiente». O presidente da Auliga espera unha alta afluencia de xente e invita aos rianxeiros a non perderse unha cita destas características. «Estamos á disposición dos veciños e esperamos que non dubiden en achegarse a participar», indicou.
Hoxe, o seminario arranca ás dez da mañá cunha presentación de Domínguez Rey, que abrirá o encontro cun comentario dos poemas de Rosalía de Castro e Antonio Machado. Para que aos asistentes lles quede desde o principio un bo sabor de boca.