Premio á defensa do litoral

BARBANZA

Os colectivos de Quilmas, Corrubedo e Seráns forman parte da plataforma galardoada recentemente por Adega

28 dic 2007 . Actualizado a las 11:13 h.

As accións que dende fai meses veñen levando a cabo os colectivos veciñais de Quilmas, Corrubedo e Seráns para amosar o seu rexeitamento co plan acuícola deseñado pola Xunta de Galicia foron merecedoras dun galardón. Trátase do premio Osíxeno, concedido pola asociación ecoloxista Adega, que foi recollido fai uns días por representantes das plataformas barbancesas.

Os tres colectivos veciñais da comarca recibiron o premio xunto co resto de agrupacións veciñais de Galicia que están a loitar contra o plan promovido pola Consellería de Pesca. Con este galardón, Adega quixo recoñecer publicamente a unión destes cidadáns na defensa do litoral galego.

Os responsables das asociacións veciñais de Carnota, Ribeira e Porto do Son recibiron, ao igual que o resto de colectivos premiados nesta edición dos premios Osíxeno, un diploma asinado pola presidenta de Adega, Adela Figueroa Panisse, e pola secretaria xeral da organización, Virginia Rodríguez Álvarez, e unha litografía realizada polo artista galego Carlos Silva, recoñecido polas súas ilustracións sobre a natureza galega.

Unión veciñal

O responsable de Adega en Barbanza, Fins Eirexas, sinalou que a unión que amosaron as plataformas cidadáns en defensa do litoral xa é de por si merecedora dun galardón: «Trátase de colectivos que foron quen de unirse, de deixar a un lado os intereses localistas e de loitar de forma conxunta polo ben común, algo que non se vía dende o movemento Nunca Máis».

Pero o argumento principal que levou á organización ecoloxista a concederlle o premio a estas plataformas cidadáns foi a loita que están a protagonizar pola defensa do litoral: «Están amosando un gran compromiso cívico no relativo á defensa do patrimonio natural, opoñéndose frontalmente á agresión que supón o plan acuícola», destacou Fins Eirexas.

Adega entrega de forma anual os premios Osíxeno e Dioxina para galardoar a persoas e colectivos que defenden o coidado do medio ambiente, pero tamén para darlle un tirón de orellas a quen consideran que leva a cabo accións que poñen en perigo a natureza.

No que ao premio Osíxeno se refire, ademais das plataformas cidadáns que se opoñen a execución do plan acuícola, foi galardoado o catedrático Xoán Ramón Vidal Romaní. Por contra, o Dioxina foi a parar a mans do grupo de empresas de Villar Mir e do alcalde de Cervo.

A entrega de galardóns tivo lugar fai uns días na cidade compostelá, no transcurso da tradicional cea organizada pola asociación ecoloxista con motivo das festas de Nadal.