«O obxectivo é facer pequenos retoques para incrementar aínda máis a calidade das rutas»

M. B. Xiráldez

BARBANZA

10 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A mancomunidade Arousa Norte encargoulle á empresa Turnauga, con base en Rianxo, a posta en valor e a mellora das rutas de sendeirismo. O xerente desta firma, Álvaro Sanjurjo, confirmou que os traballos de campo xa comezaron e que o obxectivo é que os itinerarios estean listos na primavera. -¿En que estado se atopan as rutas de sendeirismo? -En liñas xerais, están ben, sobre todo no que ao trazado se refire. O que estamos a facer agora é analizar os problemas que teñen en determinados puntos, e que nos foron comunicados polos propios camiñantes. Por exemplo, dixéronnos que hai alternativas para evitar tramos de asfalto. O obxectivo é facer pequenos retoques para incrementar aínda máis a calidade das rutas. -¿En que punto se atopan os traballos? -Xa empezamos a falar cos veciños e cos usuarios das rutas, pero temos de prazo ata abril para executar as accións. Nestes intres estamos a realizar traballos de campo, percorrendo os camiños e examinando a súa sinalización, xa que nalgúns puntos é insuficiente. Tamén hai tramos onde os paneis están rotos e é preciso recolocar determinados postes de madeira. Do mesmo xeito, pretendemos instalar carteis informativos nos principais elementos megalíticos e mellorar os planos que se atopan nos puntos de partida de cada sendeiro, co fin de ofrecer datos o máis exhaustivos posibles. -¿Cre que esta rede de sendeiros pode converterse nun dos grandes atractivos turísticos da comarca? -Levo moitos anos traballando en Barbanza e vendo cales son as súas características e as súas peculiaridades, o que me permite afirmar que esta rutas pasan polos principais recursos turísticos que ten a zona. As vistas dende A Curota ou o percorrido polas dunas de Corrubedo son dunha riqueza extraordinaria. O importante é conseguir unir todos estes elementos e ofrecer a posibilidade de acceder a eles a pé. De cara ao futuro, considero que tamén sería interesante completar estes itinerarios con actividades de ocio alternativo que poidan realizarse en determinados puntos do traxecto. -¿Ao longo dos seus percorridos por estes itinerarios puido comprobar se existe unha afluencia de camiñantes importante? -Na actualidade, trátase sobre todo de persoas que pertencen á federación de sendeirismo, que son as que incluso nos están axudando a mellorar as rutas. Penso que dándolle a publicidade necesaria, esta rede vai ter moito éxito, xa que integra elementos variados, desde puntos de gran riqueza paisaxística ata importantes restos arqueolóxicos. Se se promocionan os itinerarios de xeito adecuado non tardarán en verse resultados.