A agrupación pobrense Lauda Sion publicou o seu primeiro disco despois de 98 anos de traxectoria
05 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Despois de levar case un século ofrecendo concertos e amenizando as cerimonias litúrxicas, os membros da agrupación pobrense Lauda Sion decidiron ofrecerlle aos amantes da música sacra a posibilidade de apreciar a súa arte mediante a publicación dun cedé. O coro liderado por Alejandro Fontán optou por incluír neste primeiro traballo discográfico, titulado Tenebrae factae sunt , temas tradicionais da Semana Santa da Pobra.
Esta agrupación, que cada ano percorre gran parte das cidades e vilas da comunidade, non puido resistirse á oferta que lle trasladaron a Deputación da Coruña e a Fundación Paideia para sumarse ao proxecto Outra+outra. Mediante este programa, o coro tivo a posibilidade de acceder a un dos estudos de gravación mellor equipados de Galicia para poñer á venda un millar de copias.
Á hora de elixir os temas a incluír neste primeiro traballo, os integrantes de Lauda Sion tivérono claro dende un principio: «Optamos pola música tradicional propia das celebracións de Semana Santa porque as partituras son propiedade da agrupación», explicou Alejandro Fontán.
Investigación
De feito, xa no ano 2005 o coro fixera un importante traballo de reedición e restauración destas partituras. Nalgúns casos faltaban partes, pero os membros de Lauda Sion mergullaron nos arquivos da parroquia do Caramiñal ata completar todos os textos. O director do coro sinalou que cando recibiron a proposta da Deputación coruñesa de gravar un disco «non puidemos resistirnos».
A día de hoxe existen tres manuscritos completos, propiedade da asociación musical Lauda Sion. Un deles é de 1911, de Ricardo Fernández Carreira, e copia as voces co acompañamento do órgano. Os outros dous son de Xosé Fontán Martínez, e datan dos anos 1926 e 1940. A maiores, existen algunhas partes soltas, de calígrafo descoñecido, que pertencen a mediados e finais do século XIX.
O traballo discográfico que a agrupación pobrense xa ten á venta está integrado por dez temas. Dende o coro sinálase que a súa audición evoca «imaxes de procesións, solemnes cerimonias e aromas de incenso e de cera».