Esta familia de escritores viven a cabalo de Santiago, onde desempeñan o seu traballo, e de Rianxo, onde aproveitan para descansar e reflexionar
18 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Aínda que pais e filla recoñecen que os seus estilos son moi diferentes, os tres comparten unha gran paixón polas letras en toda a súa extensión: narración, poesía, ensaio e traballos de investigación. Xesús Rábade foi o primeiro que entrou en contacto con este mundo. Fíxoo cando era só un neno, penetrando no eido da lectura da man dos escasos medios que había, como os calendarios e a enciclopedia Álvarez.
En plena adolescencia, no instituto de Lugo, Rábade Paredes colle por vez primeira a pluma e o papel para escribir. Pouco despois, con 19 anos, tiña nas súas mans a publicación coa que comezaba a tomar forma unha prolífica obra que hoxe en día segue a medrar.
Moi distinta foi a maneira na que Helena Villar comezou a súa historia de amor coa literatura. Tiña 28 anos cando empezou a escribir e non publicou o seu primeiro libro ata os 32. «Fun estimulada por meu pai, porque el tiña afeccións literarias, pero naquela época os estudos non me axudaban».
Foi nunha aldea dos Ancares, na que a falla de electricidade impedía gozar do tempo de lecer con aparellos hoxe imprescindibles como a radio ou a televisión, onde Villar Janeiro empezou a xuntar letras co fin de plasmar nun papel as súas impresións: «A miña soidade era absoluta e optei por escribir todo aquilo que quería contar».
Contratempos
Xesús e Helena recoñecen que da paixón que os dous tiñan pola literatura xurdiu o amor que os uniu en matrimonio. Iso si, o feito de compartir teito e afección provocoulles algún quebradeiro de cabeza, sobre todo a ela: «Ao principio padecín moito porque Suso era máis coñecido que min e as mentes mal intencionadas atribuíanlle o favor de deixarme asinar libros conxuntos. Foi polo que decidimos camiñar por separado neste eido».
As aspiracións como pais desta parella de creadores víronse culminadas cando un bo día, enriba da mesa, a súa filla María do Cebreiro lles deixou o seu primeiro libro, no que nin sequera sabían que estaba traballando. Ao lelo decatáronse de que ela tamén camiñaba por un sendeiro diferente, pero co abrazo que lle deron amosáronlle a súa total aprobación.
Pero María non a precisaba porque, pese a recoñecer que herdou dos seus pais a paixón pola literatura e que foron eles os que lle transmitiron o valor da sensibilidade, explica que para independizarse neste eido incluso optou por non firmar cos seus apelidos as obras de ficción: «Ao principio tiña o desexo de plasmar a procura individual, ao marxe da familia».
María asegura que nunca se sentiu discípula dos seus proxenitores e que sempre tivo claro o camiño a seguir no mundo da literatura. Tampouco seus pais tentaron marcarlle unhas directrices concretas: «É contraproducente actuar como mestres, é nun ambiente de liberdade no que se pode medrar e iso foi o que lle ensinamos aos nosos fillos».
A paixón creativa que envolve a esta familia complétase con Abe Rábade, o outro fillo do matrimonio. El non optou polas letras para transmitir os seus sentimentos, senón que se decantou pola música, en concreto polo jazz.
Aínda que a familia Rábade Villar pasa máis tempo do que lle gustaría en Santiago, onde traballan, cada vez que poden escapan ao núcleo rianxeiro de Leiro, onde posúen unha vivenda dende hai quince anos. Ademais de atopar neste vila a tranquilidade que non teñen na cidade, Xesús sinala que parte das súas obras collen forma en terras barbancesas: «Nas circunstancias que menos imaxinas, desvelado de noite ou cortando herba, xorde o xerme dunha obra».