«Claro que o clima está raro, o domingo en Noia pasouse dos once aos sete graos en pouco tempo»

La Voz RIBEIRA |

BARBANZA

27 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

M.?H. Quizais, a cara de Eduardo Moledo, xefe do servizo de Protección Civil de Noia, lle soe menos a moitos veciños da bisbarra que a de Mario Picazo ou a do histórico Santiago Pemán. Sen embargo, quen fala con el de temperaturas, precipitacións e refachos de vento uns segundos, de seguido se da conta de que pouco lle ten que envexar aos homes do tempo da televisión. Dende 1993, a agrupación que dirixe Moledo é a encargada de vixiar de cerca unha estación instalada en territorio noiés, cuxos datos van parar á Agencia Estatal de Meteorología.

-Vostede leva dende 1993 ao pe do canón coas temperaturas, ¿hai ou non hai cambio climático á vista?

-O tempo está raro. Claro que o clima está raro, o domingo en Noia pasouse dos once aos sete graos en pouco tempo. E non fai falta sequera mirar o termómetro para dicilo. Eu vexo que, a estas alturas, xa hai árbores froiteiras que empezan a abrir. ¿Que vai pasar con elas con este frío que está facendo? Na natureza nótase moitísimo, hai moito cambio. Isto antes non se vía.

-¿Como é que a agrupación de protección civil controla unha estación meteorolóxica?

-Pois pedina eu, en 1993. Queríamos estar ao tanto das temperaturas e das choivas, porque saber as previsións tamén axuda para cousas como os incendios forestais.

-Ademais, vostedes teñen unha web na que un pode informarse de como andan os termómetros, ¿non si?

-Si, poñemos os datos e actualizámolos cada pouco tempo. A verdade é que a páxina ten máis de tres mil visitas.

-Xa que son expertos, terán que ter boas instalacións...

-Por iso se vai poñer unha estación nova. Estará xunto á nosa base, nunha parcela do polígono industrial.