Un premio meritorio

F.?R.?Lavandeira

BARBANZA

POESÍA

«dez anos de poesía: premio faustino rey romero»

Edición a cargo de X. Ricardo Losada. Concello de Rianxo (Rianxo, 2008). 187 páxinas

O Concello de Rianxo acaba de publicar, baixo a edición literaria do narrador e profesor rianxeiro X. Ricardo Losada, a recompilación das obras gañadoras do Premio de Poesía Faustino Rey Romero, convocado ininterrompidamente dende 1998.

Este libro, que da razón de 17 poetas de distinta pelame e procedencia, na súa maioría mozos (entre eles están Modesto Fraga, Emma Pedreira, Alexandre Nerium, Xan Rodiño ou Alberto Piñeiro), constata o esforzo dunha entregada e modesta entidade cultural, que dende a pequena parroquia de Isorna e co apoio da Área de Educación e Cultura do Concello de Rianxo, pretende manter viva a memoria do seu cura poeta (e tamén poeta relixioso), Faustino Rey Romero.

E se meritorio é o labor de promove-la creación literaria con escasos recursos (o premio apenas chega ós hoxe irrisorios 600 euros), non menos importante é consegui-la publicación das obras gañadoras (e a poder ser antes dos dez anos), vertente tan ou máis importante que o peculio e que, sobre todo nos autores mozos, ten aínda máis relevancia.

Losada aporta información breve e obxectiva de anos, xurados (con relevantes nomes das nosas letras), premiados e mencionados no certame, pero, sobre todo, dun xeito lúcido e altamente competente, fai unha cabal introdución sobre a poesía e o seu valor, que se un tivese mando, faría de obrigatoria lectura en escolas, igrexas e bares.