A Pobra réndese á farándula

BARBANZA

O Concello celebrará o mes das letras con varias representacións teatrais dirixidas ao público infantil

30 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A piques de arrancar maio, o mes das letras por excelencia, os departamentos de Cultura dos diferentes concellos da comarca ultiman as programacións coas que tentarán achegar á poboación o mundo da cultura e, en concreto, a vida e a obra de Ramón Piñeiro López, a quen este ano se homenaxeará o vindeiro día 17. A Pobra xa fixo pública a relación de actividades que haberá nas vindeiras catro semanas, entre as que destacan as representacións teatrais dirixidas ao público infantil.

A primeira das funcións terá lugar o luns. Serán os membros da compañía Matapiollos os que, ás once da mañá, tomen o escenario do teatro Elma para representar Contaxia . O mércores serán as marionetas de Spaguetti as que, no mesmo lugar e á mesma hora, deleiten aos máis pequenos da casa con Cinco historias para unha man .

Os nenos terán o día 11 unha nova cita cultural. Será no auditorio do Museo Valle-Inclán, ata onde se desprazará Ana Carreira, que entreterá aos asistentes cunha peculiar sesión de contacontos. O 13 regresarán á vila pobrense os membros de Spaguetti que, axudados das súas marionetas, presentarán a montaxe Chímpete chámpate .

Música para todos

Na xornada grande deste mes das letras, o 17, será a música a que cobre protagonismo. A agrupación de gaitas e danzas Caramiñas, pertencente á asociación Amas de Casa, ofrecerá unha actuación no Cantón da Leña dirixida ao público en xeral. Será á unha da tarde.

Aberto será tamén o concerto que ás 20.30 horas ofrecerán a Coral Endesa das Pontes, a Asociación Mulleres de Vilaboa e a agrupación local Abrente na igrexa do Castelo.

A programación deseñada polo departamento municipal de Cultura para este mes chegará ao seu fin o día 20, cunha charla lúdico musical a cargo de Brais Fernández e Xabier Mugardos. O acto terá lugar ás 11.00 horas no auditorio da vila e estará dirixido aos estudantes, que recibirán un exemplar da biografía de Ramón Piñeiro.

A concelleira de Cultura, Encarna González, explicou que todos os nenos que acudan ás distintas representacións programadas recibirán un libro de lectura axeitado á súa idade. Está previsto que se repartan un milleiro de volumes. Os centros educativos tamén se farán cun lote de obras.