«Aprender da man de Alfonso Costa é un luxo»

BARBANZA

Despois de estar dende nena pintando óleos, a artista noiesa descubriu fai catro anos a técnica do gravado

26 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Aos seus 67 anos, a noiesa María Teresa Creo segue a formarse no eido artístico, co que entrou en contacto cando era unha nena. Hai uns días fíxose co galardón máis importe da súa carreira, ao gañar o premio de gravado Atlante na categoría de Barbanza, un certame promovido pola Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital.

-¿Como comezou a súa paixón pola arte?

-A min xa me gustaba a pintura cando era nena, pero aquí en Noia non tiña moitas oportunidades para aprender. Despois de casarme funme a vivir á Coruña e foi alí onde empecei a ir a clases e a coñecer a xente deste mundo, o que me permitiu abrirme camiño. Para min sempre foi unha actividade de lecer, aínda que participei en varias exposicións nas que vendín obras.

-Hai uns anos decidiu descubrir os segredos do gravado, ¿por que se sentiu atraída por esta técnica?

-Cando regresei a Noia decidín entrar no taller de gravado de Alfonso Costa e descubrín que se trata dunha técnica apaixonante. Sigo compaxinándoa co óleo, pero o gravado é totalmente distinto. Hai que marcar unha prancha, metela no ácido, sacala, facela por tempos... o resultado sempre é unha sorpresa que se descubre á hora de estampar.

-¿Como se levan estas clases en grupo?

-Moi ben, porque todos formamos unha piña e así as cousas saen moito mellor. Aprender de Alfonso Costa é un luxo.

-¿Como é a obra coa que conseguiu facerse co premio Atlante?

-Para facer este gravado collín unha chave que atopei no proceso de restauración da casa na que vivo e decidín inmortalizala.

-¿Fai sempre este tipo de traballos reproducindo elementos reais?

-Para nada, teño moitos traballos con figuras raras, como bonecas ou mulleres. Non me gusta o clásico e sempre trato de apostar pola innovación. Non é surrealismo puro, pero a miña obra si que ten un pouco de impresionismo. Sempre trato de ser creativa.

-Comentaba vostede que cando era pequena non había posibilidades de formarse artisticamente en Barbanza, pero cando regresou a Noia, ¿atopou un panorama totalmente distinto?

-Si, o cambio foi impresionante. Noia sempre foi terra de artistas, pero agora é cando a xente está verdadeiramente mobilizada e cando dá a coñecer o seu traballo. Houbo unha evolución moi importante, algo que é de agradecer, sobre todo de cara aos mozos e aos novos valores, que teñen máis alternativa á hora de aprender e de expoñer. Este novo movemento artístico está a beneficiar a todos.