Un cento de persoas da terceira idade ribeirense recibiron os diplomas do obradoiro de memoria
19 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Son persoas maiores, pero teñen a memoria áxil como se de estudantes se tratase, ou ese é o obxectivo que perseguiron durante o curso no que participaron ao longo dos últimos meses un cento de ribeirenses do colectivo da terceira idade. O seminario clausurouse na tarde do mércores, cun acto que tivo lugar no auditorio municipal e que consistiu, fundamentalmente, nunha entrega de diplomas. Aínda que o peche das clases celebrouse de xeito conxunto, estas desenvolvéronse simultaneamente en tres puntos do municipio: Aguiño, Santa Uxía e Palmeira. No tempo que durou o seminario, que iniciou a súa andaina no mes de outubro, os veteranos alumnos realizaron actividades co obxectivo de estimular a mente. Os contidos fundamentais foron exercicios de reforzo da memoria, cos que os maiores rememoraron a súa etapa de estudantes; pero os participantes nesta iniciativa tamén fixeron actividades de relaxación, asistiron a conferencias e recompilaron diverso material, como refráns, receitas, cantigas e adiviñas. Participación activa O acto de clausura estivo presidido polo alcalde, José Luis Torres Colomer, e pola concelleira de Acción Social, Esther Patiño; mentres que a xefa deste servizo, Francisca Vidal, exerceu de presentadora. O rexedor animou a todos os presentes a seguir implicándose na vida activa do municipio, sinalando que son veciños que teñen moito que aportar. Pola súa banda, Esther Patiño destacou o amplo abano de cursos, talleres e rutas culturais que compoñen o programa municipal dirixido á terceira idade e fixo referencia á gran aceptación que están a ter. Neste sentido, a concelleira lembroulle aos presentes que o 17 de xullo haberá unha excursión polo Baixo Miño, mentres que en agosto farase unha viaxe de dous días de duración pola zona asturiana de Covadonga. No que ao obradoiro de memoria se refire, a experiencia empezou a desenvolverse no municipio de Ribeira no ano 2004, co fin de fomentar a autoestima das persoas maiores, mellorar a súa calidade de vida e promover as relacións sociais e as condutas saudables. Tanto Torres como Patiño emprazaron aos alumnos a repetir curso a partir de outubro.