Trapos Sucios volve á carga

Rosa A. Gallardo

BARBANZA

O grupo de Muros poñerá á venda mañá o seu segundo traballo discográfico, «Con el agua al cuello»

14 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A comezos do ano 2002, un grupo de músicos conxugaban as súas ideas e a súa creatividade para poñer en marcha Trapos Sucios, unha banda de rock galego. Desde entón, Germán Mosqueira, Juno Martínez, Manolo Romero, Dennis Lamela, Pedro Martínez, Pedro A. Lago e Kai Mayo buscan o tempo onde falla falla para acudir aos ensaios, compoñer novos temas e mellorar a calidade sonora cada día.

E todo indica que están a conseguir estes obxectivos sen problemas, xa que mañá poñerase á venda o seu segundo traballo discográfico: Con el agua al cuello . Os seguidores desta banda xa coñecen algún dos temas que compoñen este cedé, xa que Trapos Sucios distribuíu un milleiro de copias como anticipo cos catro primeiros temas.

Neste disco, os músicos muradáns falan a ritmo de rock dunha realidade decepcionante, chea de guerras, abusos e malos tratos. Son letras contestatarias, con títulos coma Impotencia, Mosquita muerta, Entre la espada y la pare, Siempre de frente, Laura, Los mierdas e así ata media ducia de temas tocados pola carraxe e a indignación.

Vindeiras citas

Pero os seguidores de Trapos Sucios non teñen por que conformarse con mercar o seu novo disco, senón que terán a oportunidade de ver á banda en acción. De feito, no seu calendario estival figuran concertos na localidade carnotá de San Mamede, para o 6 de agosto; e no Castelo Rock muradán, para o día seguinte. Ademais, Trapos Sucios recalará o 14 no pub O Muíño de Louro e o 28, no festival As Aguieiras, que terá lugar na praia outiense de Aguieira.

Trapos Sucios é sen dúbida un grupo que trata de facerse un oco no panorama musical galego e polo de agora non lle vai nada mal. Proclamouse campión do primeiro concurso de rock da Deputación da Coruña no 2008 e compartiu cartel con míticos do rock como Barricada, Barón Rojo e Rosendo.

No primeiro disco, contou coa colaboración de Javi Maneiro (de Jabón Blue) para o tema Y tu que opinas , que deu para importantes directos na comarca, e de Charli, de Los Suaves, que arroupou aos muradáns en cancións como No puedo dejar el rok . É sen dúbida unha banda que goza nos directos e así llo transmite a un público que non para de saltar dende que empezan ata que rematan os concertos.