«Hai xente que me di que se recoñece ou recoñece a outros nos meus cadros»

E. Otero

BARBANZA

18 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Nado en Ribeira en 1952, Antonio Pérez é propietario dunha zapatería que rexenta a súa dona porque el prefire dedicarse á súa paixón de toda a vida: a pintura, materia da que da clases particulares. De cando en vez, expón os seus cadros. A súa mostra de gravados poderase visitarse agora en Porto do Son.

-¿Canto tempo leva pintando?

-Toda a vida. Desde que nacín case. De rapaz non deixei de pintar nunca. Aprendín de forma autodidacta.

-¿Cal é a técnica que máis utiliza?

-Úsoas case todas, pero fago máis con o óleo e a acuarela. De tódolos xeitos o debuxo é imprescindible. Ademais, hai cinco anos empecei co gravado, e agora teño a miña primeira exposición con esa técnica en Porto do Son.

-¿Cal é o motivo que máis lle gusta pintar?

-Figuras é o que máis me atrae. Bodegóns tamén. Pinto personaxes que están no noso entorno: mendigos, mariñeiros, pescas... Fíxome na xente que nos rodea.

-¿Cre que alguén se pode recoñecer a si mesmo nos seus cadros?

-Si. Hai xente que se recoñece ou recoñece a outros nos meus cadros, téñenme contado algúns casos. Sempre tes recordos que che veñen cando vas facer o cadro e así pódese reflectir unha cara, unha expresión ou mesmo unha forma de estar.

-¿Ten influencias dalgún pintor?

-Admiro aos clásicos, pero a de Rembrandt é a que me domina.