O Coliseo Noela albergará, durante a primeira fin de semana de decembro, a tradicional mostra
26 nov 2009 . Actualizado a las 20:09 h.A falta de subvencións por parte da Xunta ao sector audiovisual non conseguiron que o Concello de Noia vaia deixar de celebrar a súa tradicional mostra de curtas. Así, onte, o concelleiro de Cultura, José Manuel González Canabal, e o coordinador do festival, Ramón Agra, presentaron a décimo primeira edición da cita audiovisual noiesa.
Os organizadores deixaron claro nada máis empezar que nesta ocasión os actos quedarán reducidos a tres días, en contraposición do que sucedera o ano pasado, cando o Concello programou toda unha semana de actividades. Así, a cita será a primeira fin de semana de decembro, é dicir, os días 4, 5 e 6.
Segundo explicou Agra, a primeira xornada estará dedicada á proxección de filmes internacionais. Na presentación destacaron que o feito de que a mostra conte cun recoñecido prestixio fai que numerosos directores queiran que as súas películas se proxecten en Noia. E iso que este ano non vai haber concursos nin entrega de premios.
Así, Agra sinalou que a día de hoxe xa teñen un bo número de curtas estranxeiras, procedentes na súa maior parte de América Latina e tamén do Magreb, para mostrarllas ao respectable.
Homenaxe
As proxeccións da xornada do sábado estarán protagonizadas por curtas galegas, algunhas das cales se estrearán en Noia. Nesta cita non faltarán traballos realizados por Jorge Saavedra, director da serie Matalobos, polo boirense Toño Chouza ou por Dani de la Torre. Igualmente, esta será a ocasión para poder ver unha produción realizada por unha veciña da propia vila noiesa.
Nesta edición, e para perpetuar unha idea que deu comezo o ano pasado, a mostra tamén dedicará unha xornada a homenaxear a un home relacionado co mundo do sétimo arte. Así, o último día a cita estará dedicada a Xulio Abonjo, un dos protagonistas das series Nordés e Cuestión de Sexo. Ademais de entregarlle un trofeo ao actor, os noieses poderán ver unha chea de filmes nos que este artista fai acto de presenza.
Antes de dar por concluída a sesión, a organización desvelou que nesta ocasión o actor Ricardo de Barreiro vaise encargar de presentar o acto, que contará con música de Parano Jazz.