De compras con conciencia

BARBANZA

Unha exposición sobre o cambio climático está a disposición dos cidadáns no centro comercial Haley

31 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Hai cousas que sempre parecen alleas. E o cambio climático é unha delas. Por moito que se intente concienciar aos cidadáns, un sempre ten a impresión de que iso é algo contra o que non se pode loitar dende a casa. Mentira. Ao igual que dende aquí cada veciño barbancés pode poñer un grao de area para que en Haití ou Chile as cousas vaian mellor, tamén pode loitar para que o clima non mude de forma radical. Precisamente, no centro comercial Haley de Ribeira inaugurouse onte unha exposición onde queda claro que, con distintas accións, todo o mundo pode facer algo polo planeta.

Nesa mostra, que os veciños atoparán no recibidor do centro comercial, explícase que o cambio climático é unha responsabilidade de todos. E, a través de paneis, un vídeo e uns dípticos, tamén se dan moitos consellos para actuar dende a casa. Dende empregar electrodomésticos eficientes a intentar reducir os residuos, empregar lámpadas de baixo consumo ou conducir de xeito moderado e sen pasar das 2.000 revolucións para evitar que aumenten as emisións á atmosfera.

As bolsas

Ademais, dado que a mostra se expón nun sitio onde se vai para mercar, danse moitos consellos relacionados coas compras. Por exemplo, anímase aos cidadáns a empregar bolsas de varios usos para evitar que milleiros de residuos plásticos teñan que ser tratados.

De algunhas destas cousas falouse onte na inauguración da mostra, á que asistiu tanto o director do centro comercial, Luis Vázquez, como Verónica Campos, membro do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida). E é que este departamento autonómico colabora coa empresa Gadisa para sacar adiante a iniciativa.

Para a posta de longo da exposición tamén se deron cita no Haley tanto o alcalde ribeirense, José Luis Torres Colomer, como a concelleira Juana Hermitas Crugeiras. O rexedor, que lle deu as grazas a Gadisa por esta actividade, aproveitou un cartel que poñía algo así como «un novo amencer» para dicir que esperaba que a mostra fose tamén como un espertar e que os veciños se desen conta de que podían facer moito para frear o cambio climático. Para rematar, o rexedor animou a todos os cidadáns a implicarse con esta actividade, que xa viaxou por outros concellos de Galicia.