«A idade non é obstáculo para acceder á informática»

BARBANZA

Leva dous anos axudando aos sonenses de todas as idades a familiarizarse co emprego do rato e o teclado

01 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

En xaneiro do 2007 púxose en marcha en Porto do Son, da man da Secretaría Xeral de Innovación Tecnolóxica, o que hoxe se coñece como rede Cemit (Centro para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica), co obxectivo de achegar o mundo da informática a todos os veciños interesados. Desde hai un par de anos, este reto é asumido por Iago Antelo Maneiro.

-¿Cales son os veciños que máis frecuentan este servizo?

-Os que máis acoden son os maiores. O que estamos facendo agora, para chegar a outros colectivos, é desprazarnos polas parroquias e polos colexios.

-¿Cústalle moito aos maiores mergullarse no mundo das novas tecnoloxías?

-Para eles organizamos cursos con contidos moi básicos. Empezamos tratando de conseguir que se familiaricen co emprego do rato e do teclado. Hai que ter en conta que, en moitos casos, trátase de persoas que nunca estiveron diante dun ordenador.

-¿Cal é o maior obstáculo co que se enfrontan?

-Pois o que máis lles custa é navegar pola Rede, entender as posibilidades que ofrece Internet e sacarlles partido.

-Pero, ¿conseguen superar as trabas?

-Hai persoas que chegan a manexarse con certa soltura, o que ocorre é que é cuestión de practicar. Está claro que non chega con realizar un curso. O que é evidente é que a idade non é obstáculo para acceder a informática.

-No caso dos nenos, todo é máis doado, ¿non?

-Eles aprenden os conceptos á primeira. Incluso sen saber ler teñen unha soltura incrible no uso do ordenador. Cos máis pequenos o que se traballa son xogos educativos.

-¿Estase conseguindo o obxectivo co que se puxo en marcha hai tres anos este centro?

-Eu considero que si. Desde que este servizo botou a andar, foron máis de cincocentos os veciños que fixeron o carné, converténdose así en usuarios do centro. Ademais, leváronse a cabo máis dun cento de obradoiros, nos que se formaron 780 alumnos. Tamén se promoveron sete charlas.

-¿Que lle diría aos veciños que aínda non se animaron a entrar en contacto coas novas tecnoloxías?

-Pois que se acheguen ao centro, que está no edificio de usos múltiples, aínda que só sexa para coñecer de preto como funciona e cales son os obradoiros que se ofertan. Aquí temos un aula cunha ducia de ordenadores conectados a Internet que pode empregar calquera persoa.