Don Jaume

José Rodríguez Cabeza

BARBANZA

06 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Supoñamos que un veciño de calquera concello desta bisbarra ou de calquera outra, facendo unha trampa «legal» á legalidade, constrúe unha casiña nun terreo de pouco máis de mil metros cadrados, que xa non son poucos nesta Galicia minifundista, pero que, por tratarse dun chan protexido, fixeran falla dous mil metros cadrados. ¿Iso que sería? Moi sinxelo, unha infracción urbanística moi grave, que suporía ata derrubala.

Agora supoñamos que iso o fixera un concelleiro. Sería o mesmo, ¿non si? ¡Pois, non! Aquí estariamos diante, ademais, dun caso de corrupción. ¿Por que? Porque a lei, con toda lóxica, prevé que ese concelleiro non estaría en condicións de esixirlle a calquera outro veciño que non fixera o mesmo.

Ocórreseme esta reflexión despois de ter lido o auto xudicial de medidas cautelares de natureza penal contra Jaume Matas, ex presidente das Illas Baleares e tamén ex ministro de España. Animo a calquera que estea interesado en coñecer como poden chegar a funcionar, e como funcionan, moitos políticos a que tamén o lean.

Pero, aínda sendo moitas e moi graves as imputacións que lle fai o xuíz instrutor, hai unha que non lle fai e que coido é moi importante, a de estragador, xa que, baseadamente, os 147 folios refírense ás peripecias que este político fixo para acadar un velódromo coa finalidade de organizar o Mundial de Ciclismo 2007.

O PP de Aznar gañou as eleccións xerais de 1996 máis por acusar os coñecidos casos de ladroízo socialista que por outra cousa. ¡Que mo digan a mín na Pobra do Caramiñal! Pero, ademais dos seus inapelables acertos en política económica, a súa contundencia contra tales prácticas dentro do partido, o pobo recoñeceullo cunha maioría absoluta indiscutible.

Agora ben, este affaire de Matas, ademais dunha ciscada para o ex presidente español, supón un torpedo cun furaco tan groso na liña de flotación do barco de Rajoy de cara ás vindeiras eleccións que pode ser ata a nefasta salvación de ZP, agás que tanto o patrón como a mariñeiría do PP fagan unha limpa tal, e polo miúdo, que non deixe lugar a dúbidas de que os cargos da organización deben ser tan austeros e tan honrados como a organización amosou, tempos fai, e a situación actual reclama.