Xa na década dos oitenta, cando nos sorprendíamos cos novos elementos electrónicos do equipamento dun soldado, daqueles detectores infravermellos, de gafas de visión nocturna, localizadores ou prismáticos capaces de dar a distancia exacta do obxecto, non podíamos imaxinar que aquelas rarezas acabarían formando parte do equipo de calquera excursionista domingueiro cando sae a por setas ós montes dos arrabaldes da súa cidade. Tamén daquela se adiantaba, por medio de publicacións serias, que se traballaba nun tipo de material semiconductor que usaba como materia prima células vivas, un avance tecnolóxico que -prevía o articulista- algún día permitirá que se fagan implantes electrónicos para corrixir os fallos dalgún órgano, coas propias células do paciente.
Confeso que desde os tempos de estudiante sigo os avances da electromedicina con curiosidade, máis aínda cando se refire á aplicación da tecnoloxía ó corpo humano, e noticias como a de que se conseguiu que un cego poida ver grazas a uns electrodos implantados no cerebro, obríganme a rebuscar na letra miúda os detalles técnicos para ver ata onde chega o límite da ciencia, e imaxínome que no futuro o home será unha masa cárnica cunha serie de apéndices que se lle irán implantando ó longo da vida en función das necesidades vitais e laborais. E daquela xa escusaremos de levar o noso iPod, as gafas ou os audiófonos, todo irá dentro do corpo, e veremos como un caso do pasado ó home tecnolóxico que nos anunciaban as revistas de fin de século, aquel que leva pendurado do cinto o móbil, o GPS e a navalla multiusos, conectado por bluetooth co portátil. A moito non tardar veremos como se fan realidade as fantasías do home biónico, o que leva todo isto e moito máis metido no corpo, para potenciar os distintos órganos.
A biotecnoloxía, e a bioelectrónica, posibilitará iso que se vén chamando a calidade de vida, e as deficiencias biolóxicas serán corrixidas por microchips menos agresivos que os máis modernos marcapasos, e os transplantes só serán unha operación de reciclaxe, un cambio de placa, as enfermidades un simple desaxuste e unha dor de cabeza algo que se solucionará cun par de minutos conectados a unha batería vasodilatadora. Contra o frío activarase un sistema de calefacción subcutánea que, ó mesmo tempo, fará a función refrixeradora nos calorosos días de verán. Pero entón, con tantos avances e facilidades, a media de vida, nesta progresiva evolución alongarase a límites impensables, tendo en conta que todo será cuestión de substituír o órgano afectado por un pequeno circuíto que se implante no seu lugar, dando paso a homes plenamente robotizados, que nunca estarán de baixa, nin no leito de morte, nin na lista de xubilados ós sesenta e pico, porque nos casos máis graves, o enxeñeiro electrónico do hospital, en segundos e sen necesidade de pasar por ningunha lista de espera, implantará un novo sistema que corrixa o defectuoso, e a seguir currando.
E como a vida se alongará tanto, para que ninguén se aburra de vivir, o doutor neuroelectrónico será quen de converter, cunha simple manipulación, cambiando unha pequena memoria SIMM aloxada a través dunha regaña no occipital dereito, a un especialista mecánico de toda a vida nun experto contable, liberando de cargas á Seguridade Social por moitos anos que teña o currante; e daquela si poderá dicir aquilo de «eu na outra vida era...»
Visto así, calquera se pode preguntar que lle queda daquela á morte, e poderíamos anunciar a feliz noticia da desaparición dos camposantos. Pero tan boa vida, tamén provocará grandes disputas por mellorala e facela única, e iso non nos eximirá das máis destructivas guerras.