O certame máis internacional

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

Artistas de 25 países concorrerán no segundo Premio Atlante, promovido polo Museo do Gravado de Artes

11 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Moi satisfeitos están os responsables do Museo do Gravado de Artes co interese que espertou o Premio Atlante na súa segunda edición. Este sentimento ven motivado, sobre todo, pola procedencia das obras, xa que chegaron á sala ribeirense dende 25 países diferentes. O número de traballos é similar ao do ano pasado, máis de trescentos, pero daquela pertencían a autores de 18 estados.

A directora do museo, Rocío Hermo, explicou que, na relación de nacionalidades dos artistas, están Irlanda, Italia, Polonia, Noruega, Xapón, Chile, México, Paraguai, Portugal, Francia, Chipre, Brasil, Irán, Colombia, Cuba, Alemaña e Arxentina. A maiores, hai un número importante de traballos procedentes de diversos lugares de España e, como non, da comarca de Barbanza: «Desde o obradoiro de gravado do Liceo noiés e desde o taller que Antonio Pérez imparte en Ribeira recibimos, ao igual que o ano pasado, dous lotes de obras».

Máis flexibilidade

Os responsables da sala situada en Artes consideran que, na boa acollida que tivo o premio nesta ocasión, influíron os cambios introducidos nas bases do certame: «As modificacións foron positivas, xa que se permite o emprego de máis técnicas e cores. Tamén inflúe o feito de que o tamaño dos gravados é pequeno, de pouco máis dun folio, o que fai que os custe do envío sexan tamén reducidos», comentou Hermo.

Nesta ocasión, o xurado que se encargará de valorar os traballos estará composto polos pintores Alfonso Costa e Manuel Ayaso Dios, polo mestre da Facultade de Xeografía e Historia José Manuel López Vázquez e polo decano desta especialidade, Juan Monterroso Montero. Está previsto que os catro manteñan un encontro nos vindeiros días, xa que o fallo do certame difundirase o vindeiro día 20.

O obxectivo da dirección do museo é entregar os premios o vindeiro 17 de xullo. Este acto coincidirá coa apertura dunha nova exposición na sala ribeirense, formada por unha selección dos trescentos traballos que se presentaron a esta segunda edición do Premio Atlante.

A boa acollida que tivo o certame é, para a dirección da sala, un factor clave, que revela a consolidación dun concurso de recente creación, pero que ten unha indiscutible repercusión a nivel internacional.