«Para educar necesítase recoller o que nos transmitiron »

Ciprián Rivas

BARBANZA

O ensino público, a equidade, a competencia e a liberdade son fundamentos que rexen o pensamento de este prolífico profesor e investigador sonense

04 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O amplo currículo de Miguel Anxo Santos Rego (Xuño 1955) amosa a súa estreita vinculación coa educación. Fillo de José e Matilde e con tres irmáns, casado con Genma Gamarra, de procedencia navarra. Na actualidade é catedrático da Universidade de Santiago na Facultade de Ciencias da Educación, pero ao longo da súa traxectoria ocupou cargos como os de subdirector xeral de Ordenación Universitaria e Investigación da Consellería de Educación, director da Universidad de Educación a Distancia da Coruña, vicerreitor de profesorado sendo reitor Darío Villanueva e director do Instituto de Ciencias da Educación. Rematada esta fase marchou a Estados Unidos para pasar estadías nas universidades de Illinois e na John Hopskins, «isto permitiume coñecer o sistema universitario mellor do mundo. Como dicían meus pais, podedes cantar e bailar, pero o que hai é o que hai».

Santos Rego é autor prolífico no eido investigador e profesor de sona. Está na vangarda do ensino. Fala con paixón da súa profesión e non rexeita nada do que se lle propón nunha conversa na que falamos de tempos comúns e vivencias moi ligadas ao noso territorio. Vive en Santiago, pero Xuño é onde lle medra o espírito cando desde a praia das Furnas mira como rompe o mar nas Basoñas, pedras de naufraxios esquecidos, que deron e dan de comer a moitos mariñeiros barbanceses.

Dáse nel a coincidencia de que foi alumno dos colexios Bayón e Galaxia e do Instituto ribeirense. Rara avis?

-¿Pegóuselle algo da súa estadía na Universidade de Cambridge?

-Estiben só seis meses. Intensos. Coñecín novas formas de vida e, sobre todo, ensináronme a educación desde unha perspectiva diferente. Cando remato veño de novo para Santiago onde tiña unha bolsa de educación. Tiven a sorte de que me chamara un catedrático da universidade para ofrecerme unha praza de profesor axudante. Isto permíteme compatibilizar as dúas cousas: a bolsa de investigación e a praza de profesor.

-Consultada algunha documentación ves que vostede fixo un traballo sobre pedagoxía dos valores en Galicia, ¿ que conclúe neste estudo?

-O traballo supoña a refundición, a proxección e a síntese dunha serie de artigos no só meus, senón tamén dun profesor, para poñer de manifesto que cando falamos de sociedade civil debemos contar co soporte para que esa sociedade se desenvolva, máis ou menos, rapidamente. En Galicia, na maneira de ver as cousas debemos fixarnos en recuperar o capital social, non tanto ligado as raíces senón a proxectos ligados a acordos, a consensos estratéxicos. Isto conforma unha baza importantísima cara o futuro. Isto foi o que me empuxou a traballar sobre os valores na pedagoxía. Examinamos que é o que somos, pero sen deixar de propoñer perspectivas novas que saíron no estudo.

-¿Que valores encontraron?

-O do traballo cun valor pedagóxico moi importante. A este valor de traballo fáltalle o valor engadido e organizado. Debería ser máis organizado e colaborativo. Os galegos somos grandes traballadores, persoas de empuxe, buscavidas, lémbrese do que dicía Castelao, que en vez de protestar emigrabamos, en fin?, pero fáltanos ser máis colaborativos. Se profundamos nesto quizais poidamos encontrar o xermolo do capital social. Os sociólogos confirman este dato.

-¿O capital social, que é?

-É o capital relacional. Se nós temos que facer un proxecto, por exemplo, temos que buscar que sexa rendible para ambos, que estamos ao fronte desa idea ou proxecto. O capital social baséase na colectividade. Entendido isto enténdese o desenvolvemento dos individuos e dos pobos, claro.

-¿E que se precisa para poder educar?

-Necesítase toda a tribo, este é un dito africano que resulta moi apropiado para esa pregunta. Ter claras cales son as esencias da educación. Isto ten que ver con procesos, con maneiras de ver o mundo. De enfocar as grandes cuestión que, a súa vez, teñen que ver cos valores. Entón, respondo a súa pregunta, ¿que se necesita?, sentido da realidade. Recoller o que nos transmitiron os nosos avós e os nosos pais e proxectalo a un mundo que está en cambio permanente. Hai que mesturar a forza, o que son as esencias do que é a vida humana: afán de superación, o traballo ben feito, a honradez, a equidade, a liberdade. A boa educación ten anclaxes nas tradicións.