Dende os medios de maior acceso ás masas, sométennos ao bombardeo imparable da información sobre innumerables casos de abusos, atropelos e inxustizas que sofren ós cidadáns. Danse como o pan de cada día, xa de entre eles ou servidos doutras tantas entidades, ben públicas ou ben privadas. A maioría das veces, e aínda sendo transcendentes, chégannos sen solución e non serven, polo tanto, de lección. Será por isto que pola súa emisión ninguén nos cobre en principio nin un centavo de euro. Pois se así, nós, que non estamos por estas no Miradoiro Virtual, mais que sexa por combater tendencia tan gratuíta coa nosa rivalidade, tamén aquí vamos a expor outro caso. Non obstante, na queixa que presentamos agora, tal e como nós chegou, por non padecer do mesmo, vese anteposto o remedio que procura a solución.
Sobre a factura 42-P81-5999, de data 1 de outubro do 2010, estendida por vostedes ao meu nome a través da C.A. de Barbandía, comunícolles que dei orde nesta caixa para que non faga o pago, nin o desta nin o doutras que polo mesmo motivo poidan chegar nun futuro, en caso de que non sexa atendida esta miña petición en base aos seguintes feitos:
Pola metade de xuño, nunha tenda de Moviplus en Barbande, trala adquisición dun modem para meu ordenador portátil efectuei un contrato con esa entidade. Mediante el, esta facilitaríame o servizo de Internet. Feitos os trámites cos pagos correspondentes, a mesma tenda procurou a miña alta inmediata, mediante una chamada.
Pasados uns días, xa noutra localidade, puiden comprobar que o tal servizo resultaba ineficaz para cubrir as miñas necesidades e decidín solicitar a baixa. Foi así que o 31 de xullo, polo móbil 746350234, fixen a chamada ao 099 de Moviplus. Tras todo tipo de explicacións, que me pediron, sobre as causas da insatisfacción que motivaban a petición da baixa no servizo a través do modem, T. Plana Internet Mini, recibín esta mensaxe, que aínda di textualmente: «Moviplus Info: Hemos desactivado el servicio GPRS, si desea activarlo de nuevo, puede hacerlo llamando gratis al 099. Gracias por confiar en Moviplus».
Quedoume claro e non volvín a utilizar o servizo que se indica na factura, tal como consta nela e a vostedes. Mais a factura obrigoume a facer novas chamadas ao 099. Pero, a maiores, debido ao entrambilicado sistema de comunicación para o acceso a Moviplus e provocada pola falta de entendemento habitual que se da entre os «comerciais», empregados de vostedes, cos clientes, tiven que volver á mesma tenda que me tramitara contrato. Nesta, despois de consultaren telefonicamente con Moviplus, dinme que debo dirixirme a vostedes, a Madrid e por escrito, para que me sexa recoñecida a baixa definitiva.
Sobre tal vía para efectuar a baixa, non obstante, nada se me advertira no momento de materializar o contrato, pero tampouco máis tarde ao pedir a baixa telefonicamente, polo que considerei que, desactivado o servizo, tal como consta, tamén constaría a baixa, como considero.
Polo tanto, volvo aquí a reiterarme na petición de principio, de modo que se efectúe e se recoñeza a baixa por parte de Moviplus, a partir da dita data. Así mesmo reitero que unha non ten por que pagar por un servizo do que prescindira antes, realmente, previo aviso ou petición ao interesado en prestalo. E menos será, se é que consta de feito, tan claro e firme como é que este lles consta a vostedes.
Así remata María o conto do abuso que rexeita e pide que publiquemos. Nós advertimos que calquera parecido deste feito con calquera outro fantástico, prodixioso ou circunstancia extraordinaria coñecida do lector é pura casualidade. Posto que se fose un conto como os outros que dixemos no comezo, tampouco sería digno do Miradoiro onde, ademais, entre nós, nada se vende de balde.