«Farrapos de antigas andainas», de Paola García

Eme Cartea

BARBANZA

17 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

CRÍTICA

Paola García, a Paola que todos coñecemos, queremos e admiramos, é a pictoautora desta tea soberbia na que o espectador queda preso nun xogo de cor, forma e contido de poderosa ensoñación poética.

Pero vaiamos por partes. Canto á composición, unha larga banda central, na que domina un azul polifónico, na que se insire o argumento, flanqueada por dúas franxas, liberadas estas de todo grafismo, superior tónico con violeta, e inferior alaranxado con certas tinturas verdosas. As tres xustapostas e separadas por fondo de imprimación en branco primario, que acouta, rodea e intensifica asemade a unidade de todo o conxunto. Con Rothko no fondo, inevitable.

Neste gran marco, a ollada vese inducida pola instantánea da acción, non só elemento compositivo senón así mesmo temático, onde as diferentes intensidades cromáticas de ceo e mar conxelan o intre da máxima tensión. Presentimos o peso da quilla varada na precisión dos corpos tendidos, sobre un fondo de longo e incerto horizonte, nun xogo duplo de punto de fugas: o do espectador en profundidade, e o da trama, nesgado, que tecen esteos e brazos en pleno labor solidario.

Pintura figurativa mais non realista que nos fala de angueiras e de sinerxías. Sabiamente ofrecida, esta tea pespunta un dobre ritmo interior que atrapa no cómplice esforzo. As liñas horizontais estenden os lindes do espazo, mentres que as diagonais profundan o campo da perspectiva e agudizan o dinamismo visual, e xorde como un movemento petrificado nesa tensión que se oblicua. Cadencia que se renova na rica paleta entre tons dominantes e variacións entrecruzados freneticamente como nun contrapunto de resonancias bachianas.

Porque Paola, dona da narración e da cor, persegue un produto redondo, pero deixando intersticios do seu proceso, nunha posta en valor do inacabado, que Goya inaugura na Procesión de disciplinantes , coa valoración de zonas de insinuación. Non falamos do «realismo esencial» atribuído a Velázquez, con áreas de imprecisión e ambigüidade, senón de pistas da súa progresión, á mantenta, coma neses empastes montados, que nos fan ver retallos dos subxacentes: palimpsesto visible no tempo. Recurso para gañar en fondura e relevo, coma Juan Gris no Tablero de ajedrez , en versión picassiana.

Pero tamén realidade e símbolo. Un «farrapo de historia» que podemos ler como pura expresión dunha elexía a un tempo «antigo» en que a ausencia da máquina fabricaba operarios baratos, conforme á peor das bíblicas aldraxes. O canto, talvez, dunha «andaina» que foi e que rematou: a glorificación do traballo como fonte de benestar e de cohesión fraternal. En Paola, a melancolía, ou mesmo o sarcasmo, aparecen sempre tinxidos de resonancias poéticas.

Imaxinación e mimese en xustísimas doses de fantasía e tenrura. Contraste e harmonía. Sensacións saturadas de admiración e gratitude.

Comunidade do IES nº 1, moito obrigado pola vosa exquisita e farturenta amizade!