Que terá que ver san Xosé con Ulises, os dous lendarios pais da nosa cultura? Un semella un xoíñas e o outro un arteiro. Sen embargo, cando había que espabilar o enxeño, o esposo da Virxe non ficou por menos, e demostrouno cando disimulou as pegadas do burriño en que fuxía de Herodes; un feito tanto ou máis enxeñoso e ousado có de meter un cabalo de madeira cheo de soldados dentro das murallas de Troia.
A maioría das lendas sobre san Xosé naceron no mundo romanizado, cando o papa xa era unha autoridade, pero tamén onde a antiga relixión seguía tendo un forte apego entre a xente, tal que aínda hoxe en día se seguen ritos e crenzas que teñen máis que ver co mundo romano ca coa palabra de Cristo. E por nacer á sombra dos mitos, a nova curia tratou de modificalos ou de adaptar os seus á moderna relixión oficial, e así foi como, contra a celebración de Priapo, o deus da fecundidade, que se festexaba co equinoccio de primavera, paseando un pau recuberto de flores, o cristianismo estendeu aquela lenda na que os pretendentes da Virxe se xuntan na porta da súa casa para que ela escolla marido -co que sería a primeira muller da historia con poder de decisión sobre o seu matrimonio-; e cando están alí todos os mozos, ríndose do ancián que tamén pretende a man de María, por un sinal da divindade a san Xosé floreceulle o seu bastón e deixou a todos con tres palmos de morro.
Pero é que nas lendas gregas, tamén vai ser Penélope, a esposa de Ulises, quen deberá escoller marido entre os moitos pretendentes que se instalan na súa casa, e tamén nun tempo no que a muller pouco podía decidir neses asuntos, cando aparece pola porta un vello mendigo de quen todos se rin, e á conta de quen fan burla, ata que este, rápido en ardides, coa axuda de Atenea, a súa divindade protectora, fai a famosa proba do arco que el templa con máis xeito ca calquera para expulsar a toda aquela panda de licenciosos e aproveitados.
Como queira que sexa, Ulises demostrou ser un bo pai de familia, a pesar da longa ausencia, sempre xustificada coa preguiza, o odio e a pelexa que se traían entre si os habitantes do Olimpo; demostrándose, tanto neste caso coma no do Santo Varón de Nazaret, que os humanos só son un xoguete suxeito ó capricho das divindades. Logo Ulises daralle ó seu fillo todo o apoio para que se faga un home de proveito, adestrándoo para gobernar Ítaca; e da mesma maneira san Xosé, despois de que un día lle chamou a atención a Xesús por non atender os labores da súa casa e do seu taller, e este lle dixera que tiña que ocuparse das cousas do Pai, o Santo Varón entendeu que o rapaz tiña ideas propias para seguir o seu camiño, e non lle puxo atrancos á súa vocación.
Estas curiosas similitudes só son distintas maneiras de enfocar a vida, e fálannos de diferentes modelos de conduta, que se un lle aprendía ó fillo a disparar co arco o outro facíalle xoguetiños de madeira, segundo a sociedade a quen estaba destinada a historia de cada un deles.