29 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Aló se vai el, mes de flores e cereixas, de días longos como un adolescente despistado, de chuvia e sol, de saio e tallo. Maio é un mes incerto, un pouco tolo e inestable con certa dose de optimismo. Ese do refraneiro sentenciador, o da auga creadora cando o mes chora. Maio foi de sempre o mes da esperanza, como non podía ser doutra maneira sendo o mes florido, anque veña con tronada, o que leva en si a semente da vida.

E agora aló se vai este maio tolo, co Súper Dépor descendido e o Celtiña resignado a seguir probando sorte no play off. Vaise maio cos concellos renovados e todos agardamos que os pétalos das promesas deixen ver que froito nos van dar. Vaise maio, murchan as flores e nós aquí, esperando, como estudiantes despois dun exame para o que levamos toda unha vida preparándonos, que deciden os catedráticos.

O meu amigo Xulio dinos que maio sempre foi mes de promesas e frustracións, segundo veña o anticiclón, e bota man da súa sapiencia para lembrarnos que xa en maio de 1900 se fabricou por primeira vez a plastilina que tanto xogo deu ó longo do século e que para maio do catorce celebraremos que o abaratamento de pasaxes en barco posibilitou a emigración europea a USA. Este maio, maio tolo, o de cando fai a calor, está cargado de anécdotas para a historia, nel creouse a Duma para asesorar ó Zar e tamén saíu o Chanel Nº5 para vestir a Marilyn, nel foi a botadura do Titanic, contra quen non podía nin Deus, e probouse o primeiro aparato de radio instalado nun coche; filmouse a primeira película en tecnicolor, e saíu o primeiro número do periódico Pravda. Nun maio votaron as mulleres por primeira vez, e tamén se emitiu o primeiro boletín de noticias radiadas, descubriuse en Persia o primeiro xacemento petrolífero de doada explotación comercial e noutro maio foi a primeira olimpíada feminina.

A besta é cabalo

Este maio o de cando calquera besta é cabalo, que di o refraneiro, o tradicional maio que viu o regreso de Cooper despois de orbitar vintedúas veces sobre a terra, o da caída de Wall Street, o da alianza de Hitler e Mussolini, o do tratado de París para rematar a guerra de Vietnam. Este mes en que tantas portas se abriron e outras tantas se pecharon, viu as primeiras pinceladas do Guernica, a patente da primeira tixola de teflón e o lanzamento do Skylab; e tamén soubo da creación do primeiro acelerador de partículas e sorprendeunos a todos coa renuncia do pai do rei para lexitimar un reinado imposto por un ditador. Nun maio foi a moción de censura contra Suárez e a visita de Reagan á URSS; a creación do Instituto Cervantes e a inauguración do túnel da Mancha.

Maio maiolo, desde que cantaba aquela laverca á que lle respondía o reiseñor, ten moitas cousas que conmemorar, como o daquel rapaz lanzándose á piscina, para revolucionar o mundo no sesenta e oito, e quen sabe se dentro duns anos non teremos que celebrar que neste maio do once os nosos mozos tomasen a iniciativa e demostrasen que non están a velas vir, senón con ansias de cambiar o mundo, de facer que a política sexa cousa de todos e a democracia algo máis ca unha palabra rimbombante.