A prima de risco

José Rodríguez Cabeza

BARBANZA

09 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Escoitemos calquera radio, vexamos calquera televisión, leamos calquera xornal, dende fai uns anos sempre topamos con expresións como turbulencias dos mercados, taxa de crecemento, cretos subprime, euríbor, enquisa de poboación activa, déficit e endebedamento público, que cando o IPC sube é malo e cando baixa tamén... Co que, así, todo remexido, calquera se decata, cando menos, que cousas boas non son e agora resulta que a prima de risco española tamén é preocupante. Sinto que os meus prognósticos deste proxecto europeo, máis idealista que realista, caera nesta situación, polo que convén que fagamos algunhas reflexións.

En primeiro lugar dicir que iso da prima de risco é algo así como o primo daquel famoso anuncio do zume. O que ten curmáns fortes sempre ten un amparo, pero cando nos xuntamos con «cheíños», como Chaves, Fidel, Morales e semellantes, pasan estas cousas. Por exemplo, desprezar a bandeira norteamericana foi zurrarlle a Aznar nas nádegas dos españois e quen gañou un gran aliado foi Marrocos.

Pero para saír da crise temos que recobrar o orgullo de volver a ser nación e poñer en valor as nosas potencialidades, que son moitas, sempre e cando comecemos arranxando a casa por dentro. Non podemos agochar a testa cando perdemos as pesqueirías, cando a Unión Europea protexe Papúa ou cando o noso leite non acada os prezos en orixe dos demais países europeos, sen contar o custo que tivemos que pagar en 1986 desmantelando a nosa siderurxia e a nosa industria naval. E se para iso temos que saír do euro saímos e volvamos á peseta que sempre será mellor que estar intervidos polos países que reforzan unha moeda en beneficio propio. Por exemplo, que a nosa prima de risco sexa de 400 supón que Alemaña e as súas empresas se poidan financiar cun custo catro veces máis barato. ¿É isto unha Europa unida?.

O que esperamos de Rajoy é que non lle treme o pulso para adoptar as duras medidas que tocan.