Os gastos e a razón

Ambrosio Casenada

BARBANZA

07 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Co ánimo de apartalo da política á que aínda se aferra o Xan, o Pedro mandoulle o vídeo dunha manifestación protagonizada polo partido de aquel. O Xan, un pouco abraiado, pediulle que llo aclarara. O amigo díxolle: «Xa ves que son catro gatos. O que evidencia que certos discursos pasados son testemuñais e nulos. Certas formas do pasado só deixan co cu ao aire principios que antes foron eficaces, pero que hoxe non o son, ao vestilos de bufóns. O que nos convén é que cambiemos as formas, o mesmo que a serpe cambia de pel, sen, por isto, renunciar á súa vida. A vida son os principios. E xa ves, sen discursos panfletarios, o 15-M congrega máis cidadáns».

Pode que Xan entendese que Pedro non se atrevera nada máis que a humillalo formalmente, e de aquí que contestase: «Ningunha manifestación é para min atractiva, todas elas me resultan humillantes, cando non as máis cínicas das mostras da hipocrisía operante da submisión ao poder, dobregada estupidamente a el. Pero, en cambio, non defendo a validez dun discurso, se non é polo axuste do contido que amose coa realidade allea, coa del e en conexión co meu».

E, aínda así, engadiu: «Nin tampouco a razón máis acertada é, precisamente, aquela que coincide coa nosa, nin a outra, porque teña seguidores: A razón só alcanza a súa verdade diante da contradición. E o tempo nunca di nada, por se pensas que é el o que dá a razón. O que che esperta ás mañás non é a voz de ningún tempo, senón o son do espertador».