«En xeral, as galerías comerciais non están abertas á pintura realista»

ENCARNA PEGO PAZ

BARBANZA

O artista de Santa Uxía decántase polas técnicas do óleo e a acuarela

28 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O creador ribeirense Antonio Pérez ven de expoñer na Casa de Galicia en Madrid, pero é un asiduo das salas barbancesas. É dono dun estilo característico, no que o influíu o pintor Manuel Prego Oliver.

-Como inicio, Antonio, o artista nace ou faise?

-Penso que se nace cun interese por certas cousas. Aínda que non sexas consciente, hai aquilo que te atrae e te vai levando. O lugar no que vives, o mar, o aroma e as cores da túa vida... Na pintura reflicto aquilo co que me identifico. O que sae de dentro son as vivencias da infancia, a saudade, a luz deses longos e chuviosos invernos. Logo, busco o xeito de expresalo.

-Seguro que hai grandes mestres na túa formación artística.

-Hainos. Manuel Prego de Oliver foi un pintor que me impresionou, quizais quen máis me influíu. O seu xogo de cores, a súa maneira de romper as liñas. Del aprendín a facer as figuras da nosa xente (el do interior, eu do mar). As liñas rotas, o feito-desfeito, non resulta fácil. Pretendo reproducir nas obras figurativas esa técnica, con trama grosa, e deixando empaste. Rembrandt paréceme o máis grande, o mestre do empastado. Nel, o contraste de trazos finos e a morneza dunha cara, fronte ao empaste da roupa, ese claro-escuro, xogo dentro-fóra, resulta maxistral. Gustei sempre deses trazos cargados de pintura, con espátula, que dan una terceira dimensión á obra. Eu, nos bodegóns, aplico outro método, a obra máis lisa, sobre un lenzo fino de algodón ou táboa, que desliza mellor a pintura e permite máis precisión de cores e formas.

-Como definirías a túa pintura? Temas, técnicas, enfoques...

-Pintei varios estilos e temáticas: mariñas, cadros abstractos, paisaxes mediterráneas... pero sen quedar satisfeito. Precisaba sacar o que levaba dentro, a xente do mar. Pintura figurativa, mesmo diría localista. Pinto o característico do mar de Arousa. Canto a técnicas, inda que fixen gravados e pasteis, prefiro o óleo e a acuarela. Predominan as cores azuis e terras (sombra tostado, siena). Homes e mulleres traballando, expresión relaxada e mirada sempre un pouco baixa, coa cor da pel sa. Pintei retratos, pero rexeito a copia exacta da foto, que che coarta a túa creatividade, facer arte.

-É posible seguir a innovar en pintura?

-Si. Velázquez foi un innovador. Logo deixaron pegada movementos como o impresionismo, que cambiou a pintura polo seu novo tratamento da luz, e derrubou moitos prexuízos. As vangardas, a arte povera, os fauves, a xeométrica de Mondrian, o abstracto de Kandinsky... Sempre nun principio hai reticencias aos novos estilos. Picasso non gustaba, houbo que aprender a observalo e ver a súa traxectoria para valorar a súa talla. Na actualidade, un innovador é Antonio López, pois dentro do seu realismo hai certas pinceladas mestras, e non é esa fotografía que parece.

-Fálanos do teu proceso de creación e tamén das túas exposicións.

-Cando teño unha idea fago apuntes escritos sobre o tema, o colorido; busco o contorno, e penso en como distribuír o espazo, procurando o ritmo e o equilibrio que quero darlles ás figuras no cadro. Iso fágoo moito no verán, e despois, nos días de chuvia, con música clásica de fondo, é cando me lanzo de cheo a pintar. O normal é ter varias obras entre mans, inda que algunha quede aparcada un tempo ata que encontras unha saída que te convence. Síntome satisfeito de expoñer en moitas salas da comarca e de fóra. Hai pouco, na Casa de Galicia en Madrid. Pero en xeral, as galerías comerciais non están abertas á pintura realista, prefiren as vangardas. Outras salas, moi influídas polo capital, teñen outros intereses, coleccionan obras de autores consagrados, non arriscan, non apoian a xente que sae de Belas Artes.

-Como artista, custa desprenderse dalgunhas obras?

-Si, claro. Gardo algunhas que me deixaron especialmente satisfeito, a miña colección particular. Todos os pintores teñen a súa. Especialmente algunhas acuarelas e bodegóns. Hai outras obras que vendín antes de facerlles sequera unha foto, e están fóra da Península; pero téñoas na memoria, e gustaríame volver a velas.

ILUSTRACIÓN LeANDRO

«Sempre nun principio

hai reticencias aos

novos estilos»

«Rexeito a copia exacta da foto, que che coarta

a túa creatividade»