Aposta por establecer liñas de cooperación entre os concellos
30 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Sóbralle experiencia no eido político, no que leva mergullado media vida, pero despois de exercer ao longo dunha década como concelleiro do executivo ribeirense e case outro tanto como parlamentario, Manuel Ruiz Rivas ven de estrearse en dúas facetas: a de alcalde e a de deputado provincial. Consciente de que non sopran ventos a favor, nin para os concellos nin para a Deputación, afronta esta nova etapa coma un «apaixonante reto».
-Estréase na Deputación e faino presidindo a comisión de economía e facenda, difícil papeleta, ¿non?
-É cando máis se ten que facer valer unha xestión prudente e que atope o máximo de recursos nun tempo no que os ingresos están diminuíndo por primeira vez en vinte anos. Queda o reto de saber administrar, priorizando os cartos ao máximo. É un tempo difícil, pero apaixonante para a área de economía.
-¿Como lle está afectando a crise á Deputación?
-A maior parte dos ingresos da Deputación veñen vía participación dos tributos do Estado e aí está habendo rebaixas substanciais. Ademais, o Goberno fixo a partir do 2008 previsións de transferencias ás deputación que hai que devolver e, no caso da coruñesa, falamos de 70 millóns de euros en cinco anos.
-¿Depende a Deputación unicamente do Goberno central para saír desta crise?
-A xestión de ingresos da Deputación é excelente, polo que o que temos que mellorar é a priorización á hora de programar os investimentos, pero claro está que se depende do Goberno central.
-A pregunta imprescindible: ¿que opina das voces que avogan pola supresión das deputacións?
-O problema de reorganizar Administracións non incumbe só ás deputacións, faría falla repensar todo o sistema. As deputacións, con este ou con outro nome, son imprescindibles.
-¿Pode estar a clave na fusión de concellos?
-O problema dos concellos non é só a dimensión, senón tamén o financiamento. Todos teñen problemas e é básico buscar fórmulas de cooperación.
-¿Mancomunando servizos, por exemplo?
-Mancomunar servizos é a clave do camiño a percorrer. A división administrativa local está moi consolidada e cambiala non vai ser doado. Temos que traballar en liñas de colaboración que nos permitan prestar os servizos nas mellores condicións posibles. Por poñer un exemplo, hai camións do lixo de Ribeira que pasan case libres polo concello da Pobra para dirixirse á planta de Boiro.
-Si, pero en Arousa Norte está custando dar os pasos para mancomunar servizos, ¿que ocorre?
-O sistema é complexo, nalgúns casos os servizos están adxudicados vía concesión e hai que estudar o custe que suporía rescatalos. Ribeira, por exemplo, ven de adxudicar o servizo de auga por un período de vinte anos. Non poden ser cuestións inmediatas, aínda que é certo que son moi necesarias.
«As deputacións, con ese nome ou con outro, son imprescindibles»