Amin, igual que a Gladys Bermúdez, tamén me gustaría que o vial de Catoira se convertera nun corredor de correr naquelas partes en que correr non supoña unha inseguridade vial, pero hoxe non estou para dar caña, que para iso xa están os candidatos, así que cóntolles un conto que me contaron. A cousa era que un ministro de Obras Públicas de Franco visitou ao seu homólogo alemán que o convidou a un almorzo privado no seu chalé e que o noso político, abraiado de tal mansión, comentoulle que os ministros de Alemaña si que tiñan bos soldos. Entón o deutsch minister, dende unha fiestra, díxolle: «¿Ves aquela autoestrada?. Con iso é co que se poden facer bos chalés». Tempos despois, a visita foi correspondida e o xermano comentoulle que moitas autoestradas se estaban facendo en España, ao que o noso ministro aclaroulle: «Ves aquela da esquerda e a outra da dereita?». «Non vexo ningunha», respondeu o convidado. «Por iso podo ter este chalé mellor que o teu».
Eu, que estaba tan ilusionado con Pepe Blanco, todo un campión, confésolles que estou triste xa que, cando menos, as actuacións do noso ministro non impediron un bo avance das obras do AVE galego, polo que espero que non o fagan dimitir mentres estea a cargo de Fomento e, ademais -necesidade obriga-, nada semellante co dos deputados populares Pablo Cobián e Javier Escribano, xa que nestes casos aplícaselles a «doutrina Núñez Feijoo» baseada no adaxio musulmán «Cada certo tempo golpea á túa muller. Se non sabes porqué, non importa. De seguro que ela o sabe», segundo o cal os políticos son culpables mentres non amosen o contrario o que, sendo tan miserable coma o contido desta frase, é un aserto de xeneralizada opinión pública gañado a pulso.
Psiquiatras e psicoanalistas din que a cleptomanía é unha enfermidade, pero a mellor definición desta palabra atopeina na Wikipedia: «Establecemento e desenvolvemento do poder baseado no roubo de capital, institucionalizando a corrupción e os seus derivados con total impunidade delitiva».