Regateiras limpando peixe

EME CARTEA

BARBANZA

16 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Antonio Pérez, un pintor conmovido polo enigma cósmico da natureza, ensaia nos seus lenzos unha sorte de ampla «paisaxe-retrato» obxectiva e aséptica, como o mellor xeito de se achegar á beleza das formas e transmutala en pintura. O seu desamparo de artista «realista», de raiceiras románticas, traducirase nunha busca voraz do oculto das cousas, aí onde medran as dúbidas do inconcreto. E todo a pesar da súa innovadora subordinación ao discurso visible do real.

Certos aglutinantes fan del un pintor figurativo máis ca realista, e que situamos nun costumismo de aires barrocos, que entronca coa vangarda histórica galega dos Colmeiros, Laxeiros ou Seoanes, que sitúa a plástica e o pensamento galego no mapa.

Tema dominante, a figura humana. Motivo central, o universo popular do marisqueo e a pesca. Mais o seu grande eixe temático é a muller que traballa, aleita, pensa, envellece. Eterno feminino entronizado entre o mito e o relato cotián. Escenas de aquí e agora que, a por de verdade, deveñen intemporais e arquetípicas. A súa estética -coñecemento e observación- devén vasta reflexión sobre a realidade social, a natureza, o presente e o pasado... Vida diaria de petit genre, pois, e non temas sublimes, pero que nada impide tratar de modo sublime.

O realismo de Antonio Pérez é amable pero non acrítico, directo e frontal pero profundo e alegórico: precarias e duras condicións laborais, explotación feminina e mesmo infantil, clima intempestivo... Mansa pero incisiva denuncia moral máis alá da tópica e folclorizada escena propia do xénero.

Madurez técnica, trazo pronunciado e firme, importancia da materia, pincelada densa e extensa, pastosa e sensual, máis de espátula ca de pincel, que o achegan nalgúns casos ao expresionismo. Un emprego crecente e profuso da cor que, como tardiamente Prego de Oliver ou ben Rembrandt, acaba de descubrir. Nel coexiste pulcritude extrema e ausencia de detallismo, na procura emocionada dunha sensación globalizada.

Neste aforismo da xente do mar que é Dúas regateiras limpando peixe -harmonía de tons con predominio do azul-, conxela a imaxe e transcende o habitual, nun monólogo dialogado das personaxes consigo mesmas, co medio, co espectador e coa historia. O mar, sempre detrás, anubrado de escuma, ameaza e gaivotas, a xogo co azul das sardiñas, irtas de perennidade, que choutan e olen a fresco de ría.

Solideces e amplos volumes. A súa mimese platónica crea paisaxes de sons «descritivos» que van evocar na mente do espectador ideas, imaxes ou estados de ánimo alleos á contemplación. Porque o seu mundo de artista é, mesmamente, o noso.

O cadro de Antonio Pérez pode verse no Lagar. FOTo S. BALVÍS